Felipe o Salvador

[Xoán Costa]
Durante o franquismo, a Igrexa católica lanzou unha ofensiva ideolóxica para conducir as masas cara a valores tradicionais, na procura dunha orde baseada na autoridade e na obediencia, disciplinando unha sociedade que o réxime consideraba esfarelada polo laicismo da Segunda República. As santas misións foron a ferramenta chave desta reconquista. Hoxe, a monarquía borbónica, con códigos e escenografías diferentes, exerce un papel semellante. A visita de Felipe VI ás comarcas afectadas polos incendios funciona como unha nova santa misión para reforzar unha institución cada vez máis cuestionada. O rei aparece entre cinzas, rodeado de cámaras e autoridades locais, e nunca falta quen lle agradeza a súa “simplicidade” e “proximidade”, como se a súa mera presenza constituíse un acto redentor.

Porén, esta escenificación da humildade é estéril: a monarquía segue a ser unha institución anacrónica, imposta polos misioneiros franquistas e cuxo relato non convence. De feito, é o propio rexeitamento social que xera o que forza este teatro de proximidade, nun intento desesperado por amortecer a crítica. A súa permanente necesidade de ser validado é a mellor proba da súa irrelevancia. Felipe o Salvador non salva nada. É só unha reliquia que tenta parecer útil nunha Galiza que xa non se axeonlla nen ante a Coroa nen ante as coronillas.

Comentarios