Sermos formigas activas

[Xoán Costa]

A semana pasada viu a luz o número seis da revista de pasatempos A Formiga no Carreiro, infelizmente a única en galego. O proxecto, que tamén medra nos circuítos comerciais, ofrece unha alternativa de lecer en galego, onde o pasatempo non é só unha distracción, senón unha maneira de reafirmar o noso imaxinario colectivo. É evidente que escasean as propostas de lecer na nosa lingua, e mais as que combinan variedade, calidade e continuidade. A Formiga quere ocupar ese espazo, ofrecendo pasatempos que, amais de entreter, permiten descubrir vocabulario, personaxes relevantes ou elementos do noso sistema sociocultural. E todo nun contexto moi condicionado polos prexuízos: moita xente, afeccionada aos pasatempos, asegura que lle custa máis facelos se están en galego. Mais se o galego nos resulta un problema para solucionar un sudoku, por exemplo, non será porque non o usamos abondo? Se nos dá medo xogar con el, non será porque durante moito tempo nos fixeron crer que non era axeitado para o lecer, e aínda hoxe resulta difícil desprenderse desa idea?

Se queremos habitar unha sociedade plenamente normalizada, tamén temos que vivir en galego o tempo de lecer. Non deixemos pasar a oportunidade de sermos outra formiga máis, sumando o noso esforzo ao formigueiro da normalidade social e cultural da Galiza.

Comentarios