Dous por cento, e máis

[Alberte Mera]
As perspectivas económicas da OTAN confirman que este ano todos os Estados membros destinarán a gasto militar 2% do seu produto interior bruto (PIB). Unhas cifras que non atoparon reticencias por parte de ningún dos Gobernos dos países que conforman a Alianza Atlántica, e que están chamados polo mandatario estadounidense, Donald Trump, a ir aumentando o erario público que recibe o Exército até chegar a 5% do PIB. Diante de emerxencias climáticas que en todo o mundo están afectando á Terra (sexan os incendios nos Estados Unidos, a Dina no País Valencià ou a vaga de lumes que asola Galiza) parece inadecuado querer destinar máis e máis cartos cada ano aos señores da guerra. Semella que as previsións económicas da OTAN non van atopar oposición nunha Unión Europea que claudica cada día máis ante os Estados Unidos de América. Despois de a Comisión Europea que preside Ursula von der Leyen, aceptar os aranceis impostos por Donald Trump aos produtos realizados nos Estados membro da UE, onte, nunha nova cesión, aceptaron rebaixar aranceis a produtos do agro e pesqueiros procedentes dos Estados Unidos de América para garantir, a cambio, unha redución das recargas á industria europea da automoción. Cuestión de prioridades: o xogo da guerra, das armas e enriquecer a industria armamentística estadounidense en lugar de alimentar, protexer e desenvolver a economía.

Comentarios