Destino Madrid

[Alberte Mera]

Non é polos intereses do país nin polo obxectivo de mellorar a gobernabilidade que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mudou onte o seu Gabinete. Foi por e para os intereses marcados desde Madrid e impostos desde Xénova ao seu Goberno. Aquí manda quen manda, e Núñez Feixoo non temeu pór Rueda ante a súa primeira crise de Goberno ao levar consigo á capital española ao vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, como candidato do PP ao Congreso por Lugo. Conde abandona o Goberno galego tan só uns días despois de saberse que o proxecto estrela por el anunciado da planta de Altri para Palas de Rei fica excluído do finaciamento europeo dos Next Generation ao non cumprir a candidatura enviada pola Xunta cos requirimentos de Bruxelas. Unha boa fuxida a tempo.

O baleiro ocuparao o vicepresidente segundo, Diego Calvo, que ascende á Vicepresidencia Primeira, o que o deixaría como home forte do Goberno galego e chamado a liderar o PP de Rueda fracasar nas eleccións galegas. Rueda cesa ademais Rosa Quintana, a conselleira de Mar, albo das críticas de mexilloeiros e bateeiros por non mediar nin resolver o conflito nestes sectores.

O fracaso na Galiza prémiase con Madrid, de confirmarse que Quintana sexa candidata ao Congreso. Galiza como carreira boa ou mala, Madrid como destino, tanto na esquerda como na dereita estatal.