O descoido como método

[Xoán Costa]

O xulgado número 41 de Madrid tramita cada ano arredor de 2.500 asuntos. En todos, a lei obriga a prorrogar a investigación se non remata ao facerse un ano, ou as probas poden quedar anuladas.

O xuíz Peinado leva 16 meses centrado na causa contra Begoña Gómez, como se non existir outro expediente. Mentres revisa con lupa ese sumario, as pescudas por presunta malversación na Empresa Municipal de Transportes de Madrid ou sobre criptoseitas como IM Academy esfúmanse entre papeis sen mover por desatención, por prazos vencidos que ninguén prorrogou. Gómez, pola contra, centra a atención até o ponto de a súa causa ser prorrogada con dúas semanas de antelación. E as outras 2.499? Algunhas arquivadas porque o señor xuíz non pon a alarma no móbil para que o avise de que caducan. O sistema permite que erros deste teor pasen sen consecuencias. Nen reproches nen reprobacións. A xustiza actúa como se cumprir prazos for opcional. Se se prioriza un caso coxo de indicios mentres se deixan morrer outros igual ou máis graves, a pregunta é inevitábel: este desleixo é voluntario ou é selectivo?

Non é normal que un xuíz deixe morrer causas por desleixo mentres desprega devoción en procesos cuestionados polas propias instancias superiores. A lei impón límites, si, mais hai intereses que —olla que cousa— sobreviven a todos os prazos.

Comentarios