Opinión

Breogán

[Alberte Mera] 

Un país normal non entoa un himno amputado á metade nin coa letra alterada ou incorrecta -tomando como referencia o que se debe tomar: a versión do autor e as cartas nas que ten advertido de erros e solicitado correccións-. Por iso é de agradecer o contributo de Galiza Cultura e Vía Galega á sociedade. As entidades rexistraron onte no Parlamento galego unha proposta de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do Himno Galego. Férridos -e non féridos-, ignorantes -e non igñorantes-, as vosas vaguedades -e non as nosas- e valoroso clan -e non chan-. Seremos nós, as persoas que habitamos neste país, as valerosas e valerosos, e non o solo. 

Deturpacións de onte e hoxe. Entre as de hoxe: a utilización de ‘Breogán’ para denominar o parque eólico mariño que Capital Energy quere instalar na costa galega, o oitavo proxecto presentado de eólica sobre o mar da Galiza -catro de cada dez magawatts a trámite no Estado están na nosa costa-. De novo, cando o verde se transforma na nova especulación e a Administración pon alfombra vermella ás enerxéticas a custa do impacto ambiental e dos sectores económicos fundamentais e tradicionais como o agro ou, no caso de ‘Breogán’ a pesca, mal imos.

Comentarios