Opinión

A política do X

[María Obelleiro]

Dise que X, a rede social coñecida antes como Twitter, é unha sorte de taberna, mais xa lle gustaría! Nese espazo atopa unha de todo, a comezar pola soltura coa que se desenvolven altos cargos políticos, que mostran unha evidente preocupación por que o seu “chío” sexa un “golpe de efecto”. Hai quen se pasa de freada, quen resulta enxeñoso e quen practica a terxiversación. O Partido Popular conta cun bo número de políticas que semellan dedicadas 24/7 a esta rede social. Unha delas é a secretaria xeral do partido na Galiza, Paula Prado, que esta semana acusou o BNG de “boicotear” desde Bruxelas unha conexión en directo da TVG, “amedrentando verbalmente” un xornalista, cando unha vintena de persoas, de maneira pacífica, trataban de seren captadas cunha faixa que rezaba “Altri non”. Mentireira foi o máis suave que lle chamaron e caéronlle “chuzos de punta”.

Prado tamén acusara Nós Diario de difundir “bulos” por facernos eco dunha información que advertía de que a celulosa comprometía a declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade. Onte foi o Icomos, organización asociada á Unesco, quen o afirmaba por medio dun comunicado, sinalando que a instalación afectaría “en gran medida ao ben de Valor Universal Excepcional”. Eis a política do X, na que todo semella valer.

Comentarios