Seminario do PT de México, un encontro anual para a reflexión

Na pasada semana, celebrouse na Cidade de México o Seminario Internacional 'Os Partidos e a nova Sociedade' organizado polo Partido do Traballo de México, que é un dos partidos da base de apoio ao presidente López Obrador. Con vinte e seis edicións, o seminario tense convertido no evento de análise e reflexión da esquerda con maior pluralidade e participación non só en América Latina senón a nivel mundial.

Esta edición, na que participaron 296 convidados e convidadas internacionais, de 32 países, e máis de 500 nacionais, contou para a inauguración e a clausura con dúas persoas que representan a capacidade de dous pobos para superar a adversidade e, en concreto, para vencer dous golpes de estado. Os traballos abriunos o ex presidente de Bolivia Evo Morales e clausurounos o ex presidente de Honduras Manuel Zelaya.

No seminario participan cada ano partidos políticos, intelectuais, académicos, organizacións sindicais, entidades representativas dos pobos orixinarios, organizacións sociais, movementos de liberación nacional, centros de pensamento político, e representantes da práctica totalidade de gobernos progresistas e de esquerdas de América Latina. Intervindo tamén diplomáticos de estados con representación en México, que se declaran comprometidos na construción de alternativas ao sistema imperante.

Desde hai tempo conta con presenza do nacionalismo galego, asistindo nos últimos anos a UPG, que nesta ocasión presentou un relatorio sobre os novos movementos xeopolíticos e as resistencias á desaparición do unipolarismo. Nesta edición asistiu por primeira vez a Fundación Galiza Sempre, desenvolvendo un relatorio sobre a vinculación entre nacionalismo e esquerda.

Quen olle este encontro coas lentes do euro-centrismo verá contraditoria a presenza de representantes de gobernos latinoamericanos xunto con organizacións opositoras aos mesmos, poñendo enriba da mesa as súas diverxencias. Pero a filosofía explicada en múltiples ocasións polo profesor Alberto Anaya, principal promotor do evento, parte de considerar a pluralidade e crítica como moi necesarias para analizar calquera situación, sempre que estean enmarcadas nun principio que percorre de norte a sur o continente, que é o do antiimperialismo.

As cuestións abordadas poden agruparse en dous grandes bloques: o primeiro, a análise dun marco internacional poscovid marcado polas consecuencias da guerra na Ucraína e da nova xeopolítica, no que xa se considera como remate da etapa da hexemonía dos EUA e inicio dunha nova, cualificada como da multipolaridade. O segundo dedicouse á análise da situación na rexión, os últimos avances, as contradicións inherentes a algúns procesos e a necesidade dunha integración que permita a América Latina ter presenza como suxeito propio nese previsíbel mundo multipolar. Neste bloque salientáronse as consecuencias positivas que pode ter unha moi previsíbel vitoria electoral de Lula no Brasil.

Sinalar tamén que aínda non aparecendo explicitamente no temario, houbo dúas ideas que impregnaron o ambiente e os debates durante os tres días de intenso traballo.

Considerándose case unanimemente que un mundo multipolar pode ser un avance fronte á  etapa do unipolarismo e hexemonía dos EUA, diversos relatores advertiron que iso será así sempre e cando non se considere fin de camiño. Nese sentido, lembrouse que desde unha perspectiva marxista, pero tamén desde unha perspectiva simplemente progresista, calquera avance é froito da loita, e unha relaxación diante da expectativa de mellora podería levar a que o novo marco internacional só se diferencie do actual na substitución da única potencia hexemónica por bloques enfrontados entre si por conseguir esa hexemonía, mais sen buscar unha superación do actual sistema;  e que como consecuencia diso as críticas á globalización só leven a unha readaptación da mesma ás novas condicións.

Outra cuestión abordada en diversos relatorios foi a necesidade de reflexionar sobre como manter o goberno, algo pouco común nunha esquerda que si ten reflexionado moito sobre como chegar a el. Nese sentido lembrouse que moitas veces esquecemos que chegar a un goberno non é ter o poder de xeito automático. Concluíuse, ademais, tras o estudo de diversas experiencias de goberno, que un mandato de catro ou cinco anos é insuficiente tanto para que a poboación valore as transformacións postas en marcha e as defenda como para poder construír un verdadeiro poder popular.