Opinión

Reflexión Covid

A mente segue dando voltas buscando onde e como puido suceder, cal foi o erro e en que momento te puideches descoidar. Sabes que por moitas voltas que lle deas ou explicacións que busques a realidade non vai mudar pero non podes evitalo; o certo é que te contaxiaches e ademais fuches contaxiador.

Un malestar leve, semellante ao provocado por un pequeno constipado, sen que case te decates medra nun par de días até provocar a entrada no hospital por urxencias.

Desorientación total derivada do estado físico pero sobre todo do psicolóxico. Nunca che gustou a ciencia ficción e de súpeto convérteste en coprotagonista dunha especie de película futurista.

Rodeado de persoal sanitario embozado en plásticos, máscaras, pantallas, gafas e luvas que os desfiguran converténdoos en vultos desposuídos de características que os singularicen. Dinche que levan meses traballando así, sen ver unha luz que poida dar idea de que hai saída; teñen que buscarse a vida mentres aturan o desprezo e a propaganda de quen é responsábel da súa precariedade. Tamén teñen familias, non son inmunes e o seu traballo fai que teñan todos os boletos para contaxiarse, e tamén teñen medo. Traballadoras que despois de tantos meses na planta covid adiviñan todo o que che está pasando pola mente, e por esa razón buscan que te relaxes, dado que o teu nerviosismo engade aínda maior risco ao teu estado e ao seu delicado traballo.

Cando escribo isto veñen de nos comunicar que a fase máis dura superámola e podemos iniciar a recuperación, advertíndonos de que vai ser máis lenta do que pensamos. No inmediato toca mirar cara diante para recuperarmos todas as forzas de xeito que o antes posíbel esteamos en condicións de poder facer camiño. Non vou negar que o medo está aí, co perigo de que se apodere de nós sumíndonos nun autoconfinamento paralizante.

Até hai ben pouco o malestar e o atordamento impedíame ordenar ideas, pero creo que por fin podo ir máis alá da situación persoal.

Se 2020 estivo marcado polos efectos da pandemia e mudou as nosas vidas dun xeito inimaxinábel, eses efectos ímolos sentir aínda moito máis e poden condicionar o futuro.

Pode parecer que esaxero tendo en conta determinados anuncios recorrentes desde finais da pasada primavera, pero non.

Todxs lembramos o de que pasado setembro volveríamos a unha situación semellante ao que se consideraba normalidade pero non foi así; despois chegou un “salvar o Nadal” que provocou a terceira onda chea de mortes e desesperación da que aínda non demos saído. E por se non tiñamos bastante, hai xa días que nos acompaña un “salvar a Semana Santa” que seguramente non tardará en ser superado por un imaxinativo “preparémonos para por fin poder desfrutar do sol do verán”. 

Non son ocorrencias froito da improvisación ou da irresponsabilidade de alguén, son mensaxes co claro obxectivo de que só atendamos ao inmediato; dando a entender que nunhas semanas ou como moito nun par de meses teremos un alivio, e poderemos recuperar as rutinas do tempo anterior á pandemia. E mentres esteamos pendentes da posíbel volta a esas rutinas non pensaremos en como pode ser o futuro.

O futuro poscovid está xa a ser deseñado, con trazos limpos e sen precisar de promesas rimbombantes do estilo das da crise de 2008, cando propuxeron aquela marabillosa idea de refundar o capitalismo sobre bases éticas.

Hoxe a cousa é moito máis simple, pois as frías estatísticas co número de persoas infectadas, ingresos en UCI, falecementos con patoloxías previas etc... empezan a ser asumidas como simples danos colaterais, necesarios para que a roda siga xirando. O falecemento de 2000 persoas en Galiza ou dous millóns no planeta, son o sacrificio necesario para poder seguir vivindo no mellor dos mundos posíbeis.

E se levantas a voz haberá quen te chame irresponsábel e queira taparche a boca co de que sen economía non hai vida.

É un novo chanzo no proceso de infantilización da nosa sociedade, que busca facernos crer que non é posíbel mudar as cousas.

Non caiamos na trampa, o futuro depende sempre de nós.

Comentarios