Opinión

Coñecer máis sobre China

Vén de publicarse hai unhas semanas o libro A metamorfose do comunismo,  escrito por Xulio Ríos, unha voz das máis autorizadas para falar sobre China, e que nesta obra analiza a traxectoria do Partido Comunista da China. O libro que aparece coincidindo co centenario da fundación do PCCh, que se conmemora no vindeiro mes de xullo, e nun momento no que China é protagonista de primeira orde no panorama internacional; protagonismo que algúns queren relacionar exclusivamente co feito de que o virus da covid-19 apareza por primeira vez na cidade China de Wuhan, pero hai moito máis.

China nunca foi aquel territorio amorfo, ocupado e parcelado polas potencias occidentais que víamos na longametraxe 55 días en Pequín, na que os valentes soldados e diplomáticos occidentais, encarnados por algúns dos máis famosos actores da época, despois de unha inicial derrota eran quen de vencer aos malvados Bóxers.

E aínda que se queira desfigurar a realidade da China actual, reducíndoo todo a unha gran factoría na que se imita calquera produto occidental con menor calidade e menor prezo que o orixinal, o “made in China” foi só unha parte da súa industria nunha etapa determinada.  

China é a única das civilizacións milenarias que non desapareceu e iso fai que determinados elementos da súa historia marcaran a súa evolución. Ademais, quen teña verdadeiro interese en analizar a situación do planeta e a súa posíbel evolución debe contar con China;  pero para poder tirar conclusións debe evitar as orelleiras dese máquina de propaganda que impón a idea de que os avances e a modernidade son propios dun mundo deseñado polos EUA no que xogan en primeira liña o propio deseñador, o Reino Unido e os estados centrais da UE. Hai moito máis mundo que ese, e nese máis mundo a República Popular China ocupa un papel central, por volume de poboación, peso económico e despregue das súas relacións comerciais e internacionais.

China é a outra superpotencia, conta con capacidade tecnolóxica superior á dos EUA en importantes sectores, e hai moitas posibilidades de que sexa en poucos anos a primeira no ámbito económico. Unha superpotencia que cando menos no actual período, ten decidido ocupar o lugar que lle corresponde no ámbito internacional, e para facelo non precisa exportar ou implantar nin o seu modelo político nin o seu modelo económico.

O perigo chino, ese é o verdadeiro eixo do mal para occidente, aí reside a razón da ofensiva despregada desde hai tempo para crear unha opinión pública contraria a China, campaña que se intensificou con motivo da covid pero que vén de moi atrás.  

O libro de Xulio Ríos preséntanos ao principal instrumento da recente historia de China, o Partido Comunista, desde a xénese á actualidade, cen anos de existencia; e coa historia do PCCh afondamos tamén nun século da historia china. Desde os primeiros anos co enfrontamento cos titores soviéticos que querían implantar un modelo alleo á realidade China, as complexas relacións co Koumitang e os esforzos para poñer as bases dun modelo propio, até a realidade actual baixo a dirección de Xi Jinping, que coa súa decisión de modificar normas que funcionaban desde hai varias décadas abre moitas interrogantes de futuro.

Tras a súa lectura está claro que A metamorfose do comunismo non ten vocación haxiográfica; os erros de Mao están presentes a carón dos acertos; sen fuxir de recoñecer o eclecticismo que supón o período de Deng Xiaoping preséntanse os avances desa etapa, e valorando o momento actual e os retos que teñen por diante non se agachan as críticas. Considero que ten o mérito de permitirnos saber un pouco máis da evolución recente da superpotencia descoñecida, e entender cuestións sobre as que moitas veces temos amosado dúbidas; como ese sistema híbrido de “economía con mercado” implantado despois de ter decidido “estar abertos a introducir canto houbese de proveito nos países capitalistas, pero de ningún xeito se trata de introducir o sistema capitalista”, ou a capacidade que ten o Partido Comunista Chino de construír sumando aportacións tan diferentes e as veces tan contraditorias como as de Mao, Deng ou Xi.

Comentarios