Opinión

Cesarismo e anti-política

Vivimos tempos tan confusos que resulta doado facer pasar por novidade algo que non é máis que unha simple repetición. Expresións como “o que quere a xente”, “deixemos de lado as ideoloxías” ou “isto non vai de partidos”, coas súas múltiples derivadas, volven estar de moda, agora da man de Yolanda Díaz, até hai  pouco dirixente galega da esquerda de obediencia estatal que se cualificaba a si mesma como ruturista; agora aparece como xurdindo da nada, como líder libre de ataduras. E estamos diante dunha presentación cando menos anómala, pois dá impresión de que a vicepresidencia do goberno do estado que ocupa débese exclusivamente á súa capacidade, como se aprobara unha oposición, e non a ter sido designada por unha organización política. 

As imaxes e titulares que acompañan o discurso están moi gastados, pero para tirar esa conclusión precisamos reflexionar, algo cada vez máis difícil nunha sociedade na que imperan o envoltorio, o barullo e as frases feitas. Ao afastarnos de onde se pon o foco comprobamos que estamos diante dun novo capítulo da coñecida fábrica de alternativas;  alternativas tantas veces requentadas que de frescas non teñen nada, pois as frases bonitas e xestos agradábeis non impiden o cheiro a produto reseso.

Nunca acreditei nas teorías da conspiración, pero tampouco creo que as cousas se produzan porque si; determinados liderados non aparecen de casualidade, e os medios de comunicación  que os promocionan non son simples notarios da realidade facéndose eco das preocupacións da sociedade, os medios son empresas e como tales responden a intereses.

Cando dicimos que vivimos no neoliberalismo non falamos só de economía; da ideoloxía neoliberal hexemónica derivan cuestións tan importantes como o culto ao emprendedorismo, o individualismo, a visión do capitalismo como o mellor dos mundos posíbeis, e a promoción de hiper-liderados baseados no monocultivo das ilusións e na apelación aos sentimentos. Sementar desconfianza cara as organizacións e estruturas estábeis e cultivar a emotividade son moi propios destes tempos, pois quen moven os fíos por detrás saben que xogar coas emocións é doado, e as emocións veñen e van dependendo de onde sopre o vento e dos mecanismos moduladores que eles mesmos dirixen.   

Se dis que os partidos son obstáculos e que hai que deixar de lado as ideoloxías en función dun suposto ben común, axudas a asentar o discurso propio da anti-política, un discurso moi presente na nosa sociedade e que está detrás do tan popular e reaccionario “todos os políticos son iguais”. 

Os partidos políticos como construción humana que son teñen deficiencias, e neles as veces hai actitudes inmobilistas e reticentes aos cambios; pero unha política verdadeiramente transformadora debe partir do debate, da construción de alternativas colectivas e do fortalecemento das organizacións necesarias para levala adiante. Organizacións que precisan dotarse de liderados que transmitan as súas propostas cunha mensaxe e unha imaxe atractivas; pero tendo sempre en conta que a propiedade conmutativa que nos ensinaron na escola non ten validez neste ámbito, en política a orde dos factores si que afecta e de xeito determinante ao produto. 

Hai xa persoas ilusionadas ou reilusionadas coa suposta novidade, tamén en Galiza, pois atraer multitudes cando te impulsan os medios do sistema resulta doado; pero as frases feitas, a mercadotecnia e os lugares comúns do politicamente correcto, converten eses hiper-liderados en prisioneiros dun mercado no que todo é etéreo. A oferta de Yolanda Díaz nin é ruturista nin parte de abaixo, estamos diante de outro produto de etiqueta centralista, que pasa de puntiñas sobre a monarquía e sobre a estrutura do estado, céntrao todo na imaxe e na suposta capacidade para unha boa xestión do existente, buscando unha fidelidade que non deixa de ser un perigoso cesarismo. Non precisamos ir moi atrás para comprobar como outros cesarismos foron útiles ao sistema, fortalecéndoo e deixando no camiño moita xente defraudada ao comprobar que as cousas non eran nin tan rápidas nin tan doadas.

Comentarios