Opinión

Afganistán, unha nova fase da ‘Operación Ciclón’?

O anuncio por parte do presidente dos Estados Unidos, de que no vinte aniversario do 11-S o seu exército terá abandonado totalmente Afganistán, preséntasenos como exercicio de responsabilidade da administración Biden, que busca así rematar coa guerra máis longa na que ten participado o seu país, iniciada en outubro de 2001 pola necesidade de rematar con Al Qaeda.

Pero é falso que a intervención dos EUA no Afganistán fose unha resposta aos atentados de Al-Qaeda; cando George W. Bush anuncia o inicio da guerra os EUA levaban xa varias décadas intervindo alí. E ademais, a aparición do que coñecemos como terrorismo islámico é consecuencia directa da decisión adoptada polo presidente Jimmy Carter en 1979 de autorizar a que sería bautizada como Operación Ciclón, unha operación despregada pola CIA para recrutar, adestrar e armar aos muyaidíns, grupos de musulmáns de diversas nacionalidades caracterizados por unha lectura rigorista do Corán e por defender a súa aplicación textual á vida civil.

A Operación Ciclón durou vinte e cinco anos, e aínda que non foi desvelado o seu custe calcúlase en máis de 50.000 millóns de dólares; nela os EUA tiveron como principais colaboradores a Reino Unido, Paquistán e Israel. A Operación Ciclón tiña como principal obxectivo a desestabilización da República Popular do Afganistán tras un golpe de estado falido catro anos antes; desestabiliación que levou á intervención militar da Unión Soviética en apoio do seu aliado afgán. Os obxectivos da CIA cumpríronse de sobra, pois o Afganistán converteuse nun suplicio para a URSS, e nun dos elementos principais no proceso que desencadeou a desaparición da Unión Soviética.

A esa operación da CIA, iniciativa do Conselleiro de Seguridade Nacional norteamericano Brzezinski, deben as mulleres afgás a volta ao medievo, e todo o país débelle a situación de guerra permanente desde hai corenta e dous anos. O resto do mundo tamén pode "agradecer" aos EUA múltiples atentados terroristas, a morte e a destrución provocadas polas organizacións monstruosas que puxo en pé, como Al-Qaeda ou as súas derivacións.

Os EUA e a OTAN abandonan agora o Afganistán pero non o deixan en mellores condicións que cando chegaron, as zonas abandonadas polas súas tropas non quedan baixo o control do goberno de Ashraf Ghani, ao que apoian. Son os talibáns quen avanzan cada vez con maior rapidez, ocupando xa máis da metade do territorio; a guerra segue, e as perspectivas son de unha vitoria talibán sobre o actual goberno, e conseguinte prolongación do conflito dado que os EUA van manter o apoio militar e loxístico a unha das faccións.

O avespeiro afgán tan útil para a caída da URSS pasou a ser un segundo Vietnam para os Estados Unidos, con máis de 2.500 soldados mortos, máis de 20.000 feridos e unha inxente cantidade de recursos económicos enterrados nunha guerra cada vez máis impopular. Pasaron vinte anos e aínda sendo certo que non se volveron reproducir atentados como os do 11-S, nin o terrorismo islámico desapareceu do planeta nin o Afganistán recuperou a estabilidade.

Pero a retirada das tropas regulares estadounidenses semella ser só un cambio de estratexia, para poñer en marcha o que poderíamos considerar unha nova fase da Operación Ciclón. Nova fase que buscaría manter o caos no país con unha guerra civil que non remate, e estendendo a inestabilidade nunha rexión de grande importancia xeo-estratéxica.

Irán, China E Rusia, principais inimigos do mundo civilizado, segundo teñen manifestado os EUA e a OTAN, serían os principais afectados por esa situación. Irán ten unha fronteira co Afganistán de case mil quilómetros. Na fronteiriza provincia China de Xinjiang de maioría musulmá actúa desde hai tempo un grupo armado que os EUA retiraron da lista de grupos terroristas o ano pasado, e ademais unha situación de permanente conflito é un importante obstáculo no desenvolvemento do corredor China-Paquistán da iniciativa comercial da Franxa e da Ruta. E Rusia observa con preocupación o aumento de combatentes do ISIS na rexión e a súa implantación nalgunhas das ex-repúblicas soviéticas que son parte da súa zona de influencia.

Comentarios