Opinión

O exemplo do Memorial Democràtic de Catalunya

Nesta altura, sería pertinente esculcar ata que punto o activismo da memoria rebordou o relato amable do franquismo na Galiza, que presenta un país entregado aos facciosos sen máis represalias que as provocadas polas xenreiras persoais e sometido de bo grao a un réxime paternalmente autoritario. As cifras de vítimas aportadas polo Proxecto Universitario “Nomes e Voces” negan semellante visión, mais hai dificultades para que a sociedade desbote o desleixo ou a “memoria dos vencedores” nos que foi maiormente educada. Entón, se o conciliador relato do franquismo segue a ser hexemónico no país, é urxente deslexitimalo; para iso, o labor das asociacións que desvelan a memoria das e dos vencidos é necesario, pero resulta insuficiente. Precisamos con urxencia un organismo oficial, que permita levar a cabo políticas públicas de recuperación e fomento do patrimonio e da memoria democrática.

Durante o bipartito, algo se falou de crear un Centro de Memoria como receptor dos materiais e das experiencias de “Nomes e Voces”, mais o desigual compromiso das diversas instancias gobernativas e a falta de vontade política para cumprir integramente o programa, impedírono. Logo, veu a “longa noite de pedra” do Partido Popular. Unha derrota da dereita o 12-X ben podería renovar o alento a ese Centro da Memoria tan necesario; para iso, nunca estará de máis contar co guieiro de institucións que xa levan tempo a traballar, caso do Memorial Democràtic de Catalunya constituído en 2007.

Como apunta o historiador catalán Xavier Díez, no Estado español a sambesuga centralista tende a escurecer as periferias, de maneira que entre elas mesmas se descoñecen. Nada mellor, xa que logo, que se relacionar sen intermediarios. Solicitamos, pois, á actual Directora Xeral de Memòria Democràtica do Departament de Justìcia da Generalitat (do que depende o Memorial, como organismo independente), a historiadora Gemma Domènech i Casadevall, un breve relatorio no que fixara os seus vectores de actuación. O Memorial, de singradura desigual se acaso pola inestabilidade política catalá tras os sucesivos “cepillados” do Estatut, ten arestora como obxectivos senlleiros a reparación e recoñecemento das vítimas do franquismo, así como a socialización da memoria democrática.

O primeiro eixo, abrangue a indemnización e localización das persoas desaparecidas en Catalunya durante a Guerra Civil e o franquismo; para iso, estase a confeccionar un mapa de fosas (e acometer a exhumación dalgunhas), un censo de persoas desaparecidas e un programa de identificación xenética; de xeito complementario, lévase a cabo a investigación documental sobre as e os represaliados polo franquismo, emítense certificados de nulidade dos consellos de guerra e desenvólvese un completo calendario de actos asociados ao recoñecemento e reparación das vítimas.

No segundo eixo, contemplase o pulo da Xarxa (Rede) d´Espais de Memòria e do Censo de Simboloxía franquista, a posta en marcha do Banc de la Memòria (que xa conta con 20.000 rexistros con apenas un ano de andaina) e unha programación expositiva focalizada nas culturas e tradicións políticas vinculadas coas conquistas democráticas da IIª República e coa loita antifranquista. En paralelo, agora mesmo estase a elaborar unha lei de memoria democrática que recolla todo o “corpus” existente e regule aspectos que aínda non o están.

Como logro de especial relevo, o Memorial Democràtic fixo público a comezos de maio, en pleno andazo, o máis completo Censo de deportados cataláns e españois nos campos de concentración nazis; unha investigación en colaboración coa Amical de Mauthausen e a Universitat Pompeu Fabra, que demorou 15 anos e recolle os itinerarios biográficos de 9.100 persoas internadas nos centros de exterminio (http://memoria.gencat.cat/ca/que-fem/banc-memoria-democratica/fons/deportats-catalans-i-espanyols-als-camps-nazis/index.html).

Sirvan estas liñas para agradecer a Gemma a súa xentileza e tamén para aportar referentes a un hipotético Centro da Memoria, axeitado ás nosas condicións e posibilidades. Ben entendido que todo o que dependa do Psoe, leva marcada a ferro a interrogación.

Comentarios