Opinión

Cartografías disidentes

Tal e como adoita acontecer logo das vitorias do PP nas sucesivas eleccións, tras a última convocatoria ao Parlamento de Galiza reproduciuse unha agresiva enxurrada de insultos e desprezos cara ao pobo galego, albiscado como un fato de xente aldeá aproveitada, inculta e submisa, reiteradamente abducida polo narco-caciquismo dos herdeiros de Franco. A violenta diatriba que encheu redes sociais e cartas ao director da prensa propia e allea, viña, no seu inicio, da esquerda española, mais pouco demorou en ser asumida por xente do país que, non pola súa proximidade ás esquerdas e ao nacionalismo, deixa de ter unha baixa autoestima.

Uns e outros, en troques de analizar, quer os erros propios, quer a especificidade do comportamento do electorado galaico, a cada máis motivado a votar con criterio de país desbotando xacobinas e ineficaces esquerdas metropolitanas, preferiron transitar pola fachendosa desautorización dos galegos e das galegas. Aínda máis: se para uns (os do quilómetro cero) o seu apenas disimulado supremacismo leva a nos condenar a unha perpetua minoría de idade e aturar o sambenito de “miserables y esclavos”, para outros (desta volta compatriotas), só cabería o fatalismo desesperanzado. Estes e aqueles, pois, coinciden en escurecer un dos trazos sobranceiros da Galiza no seu devalar: o carácter resistente do pobo que, en circunstancias favorables, foi quen de tomar a ofensiva a prol da xustiza e das liberdades individuais e colectivas. E fíxoo dende unha consideración territorial na que a defensa do local, do propio máis inmediato, semella emerxer dende os tempos antigos da soberanía autoxestionada dos castros.

As dúas etapas republicanas, sabémolo, foron acaídas para as rebeldías, malia que a Iª continúe a ser moi descoñecida. E, nelas, xurdiron episodios agora esquecidos a mantenta que acreditan o devezo por arrombar un Estado tan desleixado como depredador, mediante a acción colectiva e o compromiso emancipatorio. Quen se lembra hoxe das “Repúblicas Independentes” de Donís (Cervantes, 1873) e da Illa de Arousa (1934), a primeira contra a voracidade dos recadadores de trabucos, a segunda apoiada na frustrada proclamación tras a Revolución de Asturias dunha República Federal, que daría cabida a todas as Repúblicas soberanas do seu recuncho vital?

Acaso alguén reparou nesa republicana toponimia estendida por todo o mapa do país, da montaña ao mar, que rebautizou como “Rusias pequenas” ou “Rusias chiquitas”, parroquias, concellos, barrios ou lugares e que representa a cartografía da Galiza insubmisa? Unha Galiza que, arestora, uns e outros prefiren obviar. Velaí: o barrio do Calvario emprazado no vello concello de Lavadores e coñecido polo aquel esquerdista da súa veciñanza enrabexada coa asonada militar de 1936, ao igual que o proletario arrabalde noiés do Couto, as minas da Silvarrosa (a “Pequena Moscova” de Viveiro) e a fragosa parroquia viveirense de Vieiro. Tamén levaron ese rótulo de soviética e libertaria fasquía os lugares de Laxoso, Loureiro e Figueiroa, berce de canteiros confederais na Terra de Montes cerdedense; o barrio mariñeiro de As Pedreiras, en Marín; a parroquia cambadesa de Castrelo, organizada na rexa “Alianza Obrero-Campesina” local e o lugar cuntiense de Laxos, onde finou hai pouco unha veciña de 106 anos, a máis vella militante do PSOE que, mesmo, coñeceu ao Pablo Iglesias ferrolán…

Esta xeografía en vermello mesmo perdurou alén da IIª República, en plena posguerra, daquela vinculada á loita armada antifranquista. Así, aldeas como a valdeorresa Soulecín apesarada por un masacre brutal perpetrado pola Legión (si, a mesma que, sen vergoña ningunha, reivindica a Ministra de Defensa Margarita Robles), ou a afouta parroquia de Reguela (Cabanas), escenario de masivas fugas de mozos refractarios ao Exército faccioso e dunha delongada presenza da guerrilla.

Cantas rebeldías agochan estes e outros nomes destemidos que aínda descoñecemos! Localizalos, saber deles, encher un atlas disidente como base material da memoria común, son tarefas ineludibles para facerse respectar nun futuro sen tutelas.

Comentarios