O resto somos vicuñas

A morte recente de Mario Vargas Llosa actuou de estímulo para ler La ciudad y los perros (1963). O libro é intenso, coral, descarnado e profundamente político –no mellor sentido do termo, algo non sempre aplicable ás opinións que mantivo o autor con posterioridade. Retrata a vida nun internado militar de Lima, onde se forman os futuros cadros do exército peruano, e onde tamén acoden algúns rapaces de extracción burguesa, como Alberto, O Poeta, que regresará, tras o trauma, á súa vida confortable unha vez graduado. A violencia, a humillación e o abuso estrutural converten o colexio nun microcosmos do país.

Unha das escenas máis impactantes da novela aparece ao pouco de comezar: unha vicuña –animal propio da serra andina– vaga, fóra de lugar, polos arredores do colexio, e os cadetes practican o tiro ao branco con ela. Cava, un dos protagonistas, di que lle lembra aos indios: pola súa quietude e a expresión neutra coa que soporta os disparos. A asociación brutal entre animal e suxeito racializado resume a estrutura simbólica que vertebra o Perú: un país partido, tamén a día de hoxe, entre a Lima moderna, branca e costeira, e a serra interior, indíxena, pobre e silenciada. Un abismo social e cultural que tamén retrataron José María Arguedas na literatura e José Carlos Mariátegui na teoría crítica.

O internado é algo máis ca escenario: é alegoría do Estado. O asasinato do Esclavo –cadete apoucado e retraído– é ocultado polos mandos para preservar a autoridade da institución. Nin investigación nin castigo: só silencio e encubrimento. A xerarquía, a mediocridade e o desprezo pola verdade valen máis cá xustiza. A violencia é un método.

Este modelo –onde a capital acumula poder e relato e a periferia é reducida a caricatura ou carga– non é exclusivo do Perú. É, máis ben, unha constante nos Estados que herdan a lóxica colonial hispánica. No Estado español, Madrid representa, historicamente, esa mesma centralidade imperial, acaparando hoxe, ademais do poder político, boa parte do poder económico e mediático. O resto somos vicuñas.

A primeira novela de Vargas Llosa actúa coma un espello deformante pero preciso da relación entre centro e periferia, entre poder e exclusión, entre verdade e silencio. Unha imaxe grotesca que se reproduce, coma nun camiño de ida e volta, entre a ex colonia e a metrópole, e entre  esta e eses primeiros virreinatos que foron, como sinalaba Castelao a propósito de Galiza, as nacións peninsulares subalternizadas.

Comentarios