O pesebre e a ruptura

O libro de Carlos Arenas Posadas, El Estado pesebre (2025), achega unha lectura de longa duración sobre o Estado español como construción allea a calquera espírito democratizador e orientada á consecución de rendas para as elites a custa das clases populares. Arenas sinala que, tras o retorno dos capitais como consecuencia da perda das últimas colonias a finais do s. XIX, a economía foi adaptada cara a un mercado interior que respondía a territorios con estruturas económicas diversas e desiguais. Neste escenario, as burguesías vasca e catalá comezaron a actuar coma lobbies con capacidade de tracción na lexislación que se elaboraba en Madrid.

A condena do fiscal xeral do Estado por parte da sala do penal do Tribunal Supremo, un órgano inzado de xuíces conservadores que tiveron o seu papel na represión do Pròces, unido ao destape da corrupción de Santos Cerdán (negociador con Puigdemont en Suíza), así como á vontade de afundir a Pedro Sánchez no lameiro da corrupción pola vía familiar, constitúe a volta do búmerang do lawfare agora guiado contra unha das cabezas do quendismo oficial. O poder dos selected few envía toda unha mensaxe publicitando o fallo o 20-N en que se fan as vodas de ouro da morte de Franco. Que a causa da filtración que se xulga teña que ver coa parella da presidenta Ayuso indica algo que, non por sabido, resulta menos importante: desde o xiro aznariano Madrid encarna de xeito espido o que sempre foi: o Estado dentro do Estado.

Neste contexto, o artigo publicado o domingo pasado por Carlos Puigdemont en El País interpela directamente o PSOE. O president sostén que os socialistas están atrapados na mesma arquitectura institucional que axudaron a perpetuar cando optaron pola reforma en lugar de pola ruptura democrática. Puigdemont, que esquece que o seu propio espazo político foi outro dos alicerces dos consensos da Transición, comina o PSOE a abrazar as teses autodeterministas, como xa fixera, no período de posibilismo anterior aos Pactos da Moncloa, para competir pola esquerda cun PCE que tamén devecía polo recoñecemento oficial. Non parece probable que o PSOE vaia seguir o consello de Puigdemont, pero a tentación de expulsar o PSOE do stablishment que leva séculos concibindo o Estado coma un chiringuito privado vaise agudizar se Sánchez sobrevive politicamente os vindeiros meses.

Comentarios