O momento danés

No libro Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo (2025), Carlos Calvo recupera o "momento danés" dun Xosé Manuel Beiras que comezaba a despuntar como referente intelectual. Os traballos de Beiras que se inclúen no libro mostran un economista en proceso de formación e marcado polo clima intelectual de Galaxia. Non se trata aínda do Beiras marxista, senón o dun mozo que pensa o país desde a matriz das "comunidades básicas" de Denis de Rougemont e da fe nunha Europa das rexións capaz de superar os estados. O cooperativismo –con Dinamarca como espello– aparece como unha vía holística de modernización do agro galego, unha utopía razoable.

A Revista de Economía de Galicia desmonta a lectura do piñeirismo como simple culturalismo filosófico-literario: había unha vontade tecnocrática e analítica. Se o problema para os de Galaxia non foi a falta de ideas, si o foi a falla (voluntaria) dun instrumento político: o proxecto operaba como un think tank no ermo franquista mais sen correa de transmisión orgánica. Dito isto, un apuntamento: tras a abundancia no nacionalismo galego de economistas-intelectuais provenientes da Facultade de Economía compostelá, hoxe a súa escaseza é notoria.

O europeísmo galaxiano confiaba nunha Europa capaz de disolver lóxicas históricas. Mais o devir do proxecto xogou noutra dirección: os estados non desapareceron, senón que estruturaron xerarquicamente a UE; e Europa, lonxe de se afirmar como suxeito xeopolítico, permaneceu baixo a órbita dos EUA. A promesa dunha Europa das rexións revelouse unha ilusión (a mesma na que caeu o independentismo catalán en tempos recentes). En contraste, o Beiras posterior, que abrazaría a idea do colonialismo interno, así como a UPG que adoptaba a vía terceiro-mundista, reformularán o problema sen resolvelo. O nacionalismo galego, que incorporou a crítica profética elaborada por Beiras ao Tratado de Maastricht, ten unha difícil materia pendente: ao rexeitar tanto a articulación arredor do estado-nación España como a europeísta, carece dunha proposta xeopolítica explicitada e funcional. O libro ten a virtude de revalorizar a idea cooperativa nun tempo no que andamos faltos de camiños practicables. Canto a visión utópica que daquela representaba Dinamarca para aquel espazo político-cultural semella que hoxe foi substituída (sempre gostamos de espellármonos noutros) polo hub portuario noreuropeo (e paraíso fiscal) "Olandés".

Comentarios