Opinión

Modernización verde

Tras a II G.M. a teoría da modernización mandaba. Gobernos de todo signo asumían políticas superadoras de calquera vestixio de “atraso”. A “Revolución Verde” levaba ao “Terceiro Mundo” os avances da agroindustria. O paradigma: a tábula rasa. O positivismo tecnocrático esixía sacrificios na mellora de infraestruturas, na urbanización, na produción de enerxía etc.

No caso español, a modernización produciuse en pleno franquismo. A falta de dereitos democráticos constituía unha vantaxe competitiva. O territorio galego padeceu, nas décadas dos 50, 60 e 70 atentados realizados en nome do progreso. Encoros, monocultivos forestais, liñas de alta tensión, desecación de humidais, especulación urbanística, minas a ceo aberto, nucleares… O soberanismo galego moderno adquiriu organicidade en loitas contra algúns deses proxectos.

O auxe do ecoloxismo a partir dos 70 cuestionou a paixón modernizadora e formulou ideas máis complexas sobre que considerar progreso ou atraso. No presente, o discurso ecoloxista é hexemónico. Xa non hai empresa, por máis agresiva que sexa co medio, que non inclúa o prefixo eco nos seus produtos.

En paralelo a esta fradulenta propaganda verde do sector privado, incentívanse, desde o público, plans para a descarbonización. No Estado español, destaca a estratexia “España 2050” impulsada polo Goberno Sánchez. No s. XXI, Galiza inzarase de muíños de vento. Hai algo paradoxal nesta renovación do modelo produtivo: as similitudes co positivismo modernizador do pasado son crecentes. Outravolta, o telos verde aparece coma o argumento definitivo que expulsa ás marxes do ahistórico toda resistencia á tecnocracia da clorofila. Os dous antigos inimigos, o positivismo e o ecoloxismo, fúndense nun e devalúan as vidas dos seres humanos concretos, que moran e padecen nos lugares sinalados como modernizables.

Este desprezo ás vítimas da nova modernización é denunciable. Pero o asunto cobra maior descaro cando os plans conviven, como acabamos de ver coa decisión de ampliar os aeroportos de Barajas e El Prat, coa expansión do transporte máis poluínte. Máis que ante a tentativa sincera de ecoloxizar o capitalismo, parecemos estar ante o vello reparto de roles entre centros e periferias. Onde centro son hoxe as megacidades globais e periferia os territorios circundantes, progresivamente baleirados e dedicados á xeración de materias primas, alimento e enerxía para avivar a caldeira deses insostibles macronodos demográficos.

Comentarios