Luscofusco intelectual
O falecemento de Jürgen Habermas chegou cunha puntualidade perturbadora. Como se a historia quixese chiscar o ollo cunha brincadeira. Hai algo de sarcasmo nesa coincidencia cando falamos dun filósofo que fixo da racionalidade e a lei o centro da súa obra, o lugar desde o que pensou a política e a convivencia nas sociedades modernas. Habermas foi, na súa vertente pública, o arquitecto dun patriotismo constitucional baseado no respecto ás regras e na confianza no intercambio racional de argumentos. O alemán encarnaba algo moi parecido ao que a UE pretendeu representar durante décadas: unha comunidade construída (baixo supervisión franco-xermana) segundo o reinado do dereito e dun certo ideal civil de moderación ilustrada. E velaí o paradoxo: poucos días antes da morte do filósofo, Ursula von der Leyen sentenciaba que Europa xa non pode confiar nunha orde internacional baseada en regras para defender os seus intereses. Co precedente (para a política interior) do tratamento dado a Grecia en 2010, a presidenta da Comisión Europea asume agora a lóxica da política exterior hobbesiana que marca Donald Trump, nun momento no que este se atopa atoado na guerra de agresión contra Irán e no que o peche do estreito de Ormuz ameaza con provocar unha crise económica da que só China e Rusia tirarán partido. Hai outra coincidencia que merece ser anotada. Habermas, como epígono do consenso moral das elites alemás da posguerra, foi sempre un defensor decidido de Israel. O filósofo abandona o mundo nun intre no que o proxecto sionista atravesa unha das súas etapas máis delicadas en termos de lexitimidade política e moral. No mesmo horizonte aparece tamén a figura doutro grande intelectual xudeu do século XX: Noam Chomsky. Retirado da vida pública nun silencio atravesado polas polémicas derivadas da súa relación con Jeffrey Epstein, Chomsky ensombreceu o seu legado a causa dos seus lazos co sionismo.
Esta pequena cadea de coincidencias non teñen máis nexo que o azar no seu devir. Mais é difícil subtraerse á tentación de lelas coma un síntoma de época. Cabe interpretar a desaparición e o descrédito de dúas figuras que simbolizaron o ideal racionalista da segunda metade do sec. XX coma un indicio de algo máis amplo. Como se tamén no territorio das ideas e do pensamento político, estivese a despregarse o luscofusco dun determinado xeito de interpretar o que é o "Occidente".