Libros para un tempo esgazado

A editora con sede en Ferrolterra, Libros Lorref, ofrécenos traballos que se caracterizan por pensar o país desde o país, con ópticas plurais e formatos orixinais. De momento, xa puxeron no prelo o volume Obras públicas (2025), que compila textos e artigos do economista, antropólogo e xestor cultural Marcos Lorenzo, e Cos pés na terra. Conversas en Fonseca (2025), onde o experto en dereito constitucional, Antonio-Carlos Pereira Menaut, dialoga demoradamente con Alexandre Carrodeguas, un dos impulsores do proxecto.

O libro de Lorenzo publícase na colección “Intemperie” que, como se indica na lapela, pretende debruzarse sobre os grandes cambios experimentados polo país a nivel sociolóxico, antropolóxico, histórico, económico e psicolóxico. De todos os textos de Lorenzo, o que mellor responde a esa arela é o titulado “Galicia en liquidación”, traballo publicado orixinalmente na revista Grial, que se achega, de xeito sutil pero profundo, á grande cesura que representaba, para as xeracións que aínda asistiron aos estertores da Galiza labrega tradicional, o paso da vida no barrio da cidade ás temporadas pasadas na aldea. Dous espazos xeográficos próximos e entrelazados que, porén, encarnaban universos paralelos.

No que atinxe ao libro de conversas con Pereira Menaut, este suscita o interese do infrecuente. Pereira descríbese, en varios momentos do diálogo, como un liberal (no sentido máis político do que económico), que non oculta a súa anglofilia, pero tamén como un conservador no antropolóxico e un galeguista comunitarista que refuga de certos lugares comúns do pensamento ilustrado, progresista e europeísta. Malia que algúns dos postulados de Pereira Menaut se antollan, para alguén afeito a unha ollada histórica materialista, algo vaporosos, a súa defensa de determinados posicionamentos a contracorrente non carece de atractivo. Algúns dos argumentos de Pereira Menaut lembraron, a quen isto escribe, o xeito de estar de intelectuais británicos contemporáneos como poida ser Peter Hitchens, se ben entre o inglés e o galego media a distancia que separa ao nacionalista de Estado, nostálxico de tempos pasados, do defensor da heteroxeneidade utópica das nacións pequenas.

En suma, a editora ferrolá aposta por discursos que se moven no gume da navalla de diferentes campos ideolóxicos. Posicións orixinais que, se ben non serán obxecto de adhesión total, si posúen a virtude de axudar a pensar o tempo esgazado que habitamos.

Comentarios