Librecambistas vs Proteccionistas
No Discurso sobre o librecambio (1848), Karl Marx criticaba as ilusións de beneficio universal que propagaban os librecambistas ingleses da altura argumentando que a supresión dos aranceis sobre os cereais non implicaría unha mellora na situación dos traballadores británicos: os salarios adaptaríanse, á baixa, ao descenso do prezo do pan que traería a importación masiva de gran. Porén, Marx vía lóxico que Inglaterra, como economía dominante, preferise o librecambio fronte ao que, na época, propugnaba Alemaña, quen carecía dunha base industrial forte e usaba o proteccionismo para construíla.
No presente, a loita entre librecambistas e proteccionistas regresa. Mais quen impulsa o proteccionismo é a, ata o de agora, primeira potencia, sendo a China quen preferiría continuar a senda da globalización. Os anuncios de Trump de impoñer aranceis contra as exportacións do Canadá, México, a UE e a propia China (o verdadeiro obxectivo), apunta a que unha fracción da burguesía dos EUA avoga por reindustrializar e por reducir o déficit comercial que infla o sector financeiro grazas aos privilexios do dólar: os capitais chineses (e alemáns) reciclaban os dólares obtidos a través das exportacións mercando débeda ianqui e alimentando as burbullas das bolsas de Nova York e Londres. Este librecambismo financiarizado precisaba dunha continua intervención política (USAID) e militar (OTAN) no exterior, de aí a conversión dos demócratas no “partido da guerra”. A opción dos EUA de Trump por rematar co déficit comercial estaría motivada en que ese mesmo sistema permitiu á China industrializarse e obter tecnoloxía ata o punto de superar os EUA como potencia económica: só pode volver a ser grande quen nalgún momento deixou de selo.
Mais no seo do propio MAGA está a darse un choque entre “globalistas” e “proteccionistas”. As desavinzas entre Steve Bannon e o que el chama “señores tecnofeudais”, en referencia a Elon Musk e os capos de Silicon Valley, así o indica. Visto así, o proteccionismo de Trump-Musk tería como obxectivo non tanto unha reindustrialización do país en clave dun “keynesianismo para brancos” como crear un cortalumes económico fronte á China, paso previo á loita total polo reparto do mundo en áreas lideradas por unha das dúas potencias con capacidades avanzadas na economía dos algoritmos, no ámbito da IA e na industria militar (aquí tamén entraría Rusia). Xusto en todo o que Europa non ten, malia os alardes da cimeira celebrada o domingo nos dominios da City.