A febre do ouro raro
Agora que asistimos aos compases finais da guerra de Ucraína, ese país en tempos chamado o "celeiro da URSS", non deixa de ser irónico que o think tank de Sabón tirase da metáfora de Galiza como "celeiro de Europa" de terras raras. Así rezaba o titular da súa portada do sábado pasado. Ser o hórreo de calquera cousa soa ben, sempre que haxa un bo tornarratos para manter os ratos a liña. O titular promete oportunidade, riqueza e futuro; mais, ao fondo, agroman as mesmas preguntas que xorden cando se fala, por exemplo, da expansión eólica (e todos lembramos o papel daquel xornal cando o bipartito pretendeu democratizar o pastel eólico): quen decide, quen gaña e onde se asume o impacto?
Disque o subsolo galego garda depósitos de minerais estratéxicos para a transición enerxética, fundamentais para fabricar aeroxeradores, baterías ou vehículos eléctricos. A UE procura reducir a dependencia de China (a dependencia dos EUA importa menos), e os ollos das multinacionais mineiras andan á espreita de calquera metro cadrado explotable.
O entusiasmo das elites locais por situar o noso país como paraíso extractivo é un guión, Altri in my mind, xa coñecido. Nas páxinas interiores mencionábase a empresa de Salvaterra de Miño, Áridos do Mendo, como exemplo de capital galego que podería beneficiarse desta febre do ouro raro. Que esa empresa estivese a piques de ser borrada do mapa cando se fixo o cacarexado proxecto do Porto Seco de As Neves-Salvaterra (unha enorme extensión achandada á beira do Miño que, prometendo ser un dos maiores polígonos industriais de Galiza, segue cunha ocupación industrial ridícula), e que tantos veciños reclamasen durante anos prezos xustos polos recursos mineiros das fincas expropiadas para construír o parque, é un lembrete chusco da distancia que media entre o que din os titulares de prensa e o que reciben os titulares de fincas.
Galiza pode aproveitar os recursos de que dispoña, pero isto implica planificación a longo prazo, control público estrito, participación veciñal vinculante e beneficios ancorados ao territorio en forma de industria asociada. A transición ecolóxica non pode apoiarse nun neocolonialismo que converta as periferias despoboadas e avellentadas en zonas de produción para o cambio verde das grandes conurbacións urbanas europeas; por máis que as elites mediadoras "de provincias" poidan gañar catro patacos vendendo abelorios aos aborixes.