Do hotel ao abismo
Dicía Gÿorgy Lukács, no seu texto de 1933, Grande Hotel Abismo, que a elite intelectual, consciente das contradicións irresolubles do capitalismo, enfróntase a dúas opcións: caer no pesimismo vital e na desesperación, ou dar "o salto" ao compromiso coa loita do proletariado. Para evitar que se produza esta pasaxe, sostén Lukács, existe o Grande Hotel Abismo: mecanismo desenvolvido en Occidente para proporcionar confort material e espiritual aos intelectuais críticos. Neste hotel, pensa o húngaro, "existen cuartos especialmente deseñados –dentro dos límites invisibles– para cada tipo de crítica radical".
En 1999, a historiadora Frances Stonor Saunders probaba en Who payed the piper. The CIA and the Cultural Cold War, a base material do que Lukács intuíra moito tempo atrás. Pola súa parte, o xornalista Stuart Jeffries referenciaba a idea lukacsiana nunha biografía coral: Grand Hotel Abyss: The Lives of the Frankfurt School (2016). Tratábase dunha achega á vida no exilio daquel conxunto de intelectuais que acabarían os seus anos (a excepción do malogrado Walter Benjamin) nas luxosas universidades americanas criticando tanto á propia sociedade dos EUA como o "totalitarismo" do Socialismo Real. Un libro de recente aparición na Monthly Review segue a estela do traballo de Stonor Saunders: Who payed the piper of western marxism: Antiimperial Marxism versus The Imperial Theory Industry (Gabriel Rockhill, 2025), obra magna que irá aparecendo en tres volumes e cuxa tese principal mantén que Occidente creou o que Perry Anderson alcumara de "Marxismo Occidental" (1976), e que o autor denomina "a esquerda compatible".
Os reparos mostrados por sectores da esquerda occidental para reaccionar ante a agresión dos EUA a Venezuela demostran que o traballo imperial na batalla das ideas deu os seus froitos. Mais se algo resulta perturbador é o feito de que Alexander Karp, ex progre de Silicon Valley reconvertido en tecno-bro, filósofo de MAGA e fundador da empresa de Big Data Palantir –quen, se pensa, puxo a disposición de Trump a súa tecnoloxía de control (totalitario!!) para levar a cabo o secuestro de Nicolás Maduro en Caracas–, fai constar no seu currículo que estudou na Universidade de Frankfurt con Jürgen Habermas.
Como se o círculo se pechase, a incapacidade para a práctica da Teoría Crítica acabará atopando, nun profeta do imperialismo cru, un camiño escuro para aplicar á realidade o que a esquerda só puido desenvolver como teoría. Velaí o abismo.