Do aplauso ao xerador

"Estamos fartos de eventos históricos", dicíame o veciño cun sorriso, mentres, por riba dos tellados, comentabamos a xogada desde as terrazas. Durante a pandemia da Covid-19 xa intercambiaramos abraios nas "horas do aplauso" –aquel rito de agradecemento e coaching emocional masivo que o tempo amareleceu– e, co gallo do grande apagamento eléctrico da semana pasada na península Ibérica, os exteriores dos apartamentos convertéronse de novo nunha ágora da estupefacción. Das teorías da fin da historia pasamos, neste primeiro terzo do século XXI, ao empacho do espectáculo da historia. Da sociedade do risco, idea formulada na optimista Belle Époque dos 90, á experiencia do risco sen sociedade –pois Margaret Thatcher xa decretara que esta non existía baixo o dogma neoliberal–.

Nas últimas décadas, os medios narraron atentados de crueldade bíblica, quebras de xigantes financeiros e de Estados, pandemias globais, declives imperiais e constantes ameazas de guerra mundial. A insoportable levidade do tardocapitalismo acompáñase do espectro dun colapso social que semella inminente (e se cadra inconscientemente desexado), arrastrándonos con el sen máis ferramentas ca aquelas coas que Xob fixo fronte aos caprichos dun deus sádico: resignación, resignación, resignación.

A pesar da rápida volta á normalidade na mañá do martes –algo que quizais evitou que o malestar se desbordase–, houbo tempo para que asomase a verdadeira face dunha ideoloxía que pivota sobre o mérito individual, a responsabilidade persoal e a desconfianza no colectivo: a dos "preparacionistas", aqueles que viven anticipando o colapso. Algúns gabábanse de canto lles renderon os seus xeradores privados, mentres esperaban os acontecementos coa tranquilidade de quen ten a despensa chea de latas de conserva. Prórrogas fatuas para cando chegue o inferno.

Por sorte, a barbarie do libertarianismo Mad Max segue a ser cousa de excéntricos (mal que lles pese aos euroburócratas que aconsellaron ter na casa un "kit de supervivencia"). O vencello social resiste, mesmo con todo en contra, cando menos na Europa do sur: a busca dos outros na rúa, a socialización de vellos transistores, a conversa compartida. Son brasas que cómpre soprar, manter vivas, para que algún día poidan prender e converterse en chamas de acción política colectiva, o único gadget de supervivencia que pode valer para algo.

Comentarios