Da psicoloxización da identidade

Segundo Susan Sontag o legado máis importante do romanticismo á sensibilidade moderna foi a idea do "interesante". A romantización da tuberculose durante o s. XIX e parte do XX supuxo, di a autora, "o primeiro exemplo amplamente difundidido desa actividade particularmente moderna que é a promoción do propio eu como imaxe". Cando triunfaba o sex appeal pálido e enmagrecido dos tuberculosos, esa enfermidade asociábase aos "hipersensibles, os talentosos, os apaixonados". Un mal bohemio. Se para Sontag a tuberculose encarnaba o negativo do comportamento propio do homo economicus decimonónico (consumo, malgasto, desbaldimento da enerxía vital), o cancro encarnaba, no 1980 en que publicou A enfermidade e as súas metáforas, o negativo do homo economicus de finais do XX, caracterizado pola compra a crédito, a mobilidade, a especulación, a creación de novas necesidades: ausencia de gasto de enerxía e consumo, apatía, introspección e escasa flexibilidade para glamourización.

Por iso nomear o cancro (malia os avances na medicina e o espallamento do mindfulnes) segue a provocar, a comezos do s. XXI, a contracción do xesto. En contraste coa nosa actitude cara ao cancro, a proliferación na conversa pública de todo tipo de enfermidades, máis ou menos psicolóxicas, cando non a identificación narcisista (especialmente detectable, coma un novo andazo romántico, na xente nova) con determinadas "condicións" (autismo, TDAH, altas capacidades, todo tipo de fobias, especificidades e neurodiverxencias) fala dun tempo de crenza cega na vontade do individuo desexante para performar (tamén no amplo abano de identidades sexuais dispoñibles), como mellor lle pareza, no seo dun capitalismo adolescente, lúdico e irresponsable (é dicir, romántico), que deixa facer. A psicoloxización da vida convive coa ausencia de toda idea de transcendencia, coa ocultación social da morte e coa sensación xeralizada de falta de control sobre o noso devir individual e colectivo. Di Susan Sontag que a popularidade da psicoloxía estriba en ser unha forma sublimada de espiritualismo. E é probable que o refuxio actual nas micro-marcas psicoloxizantes sexa unha reacción á falta, explicitada e publicitada, de sentido último da existencia. Nun gran paradoxo, os neorromanticismos psicoloxizantes contribúen, a base de banalizar a enfermidade, a profundizar o "desencantamento do mundo" contra o que reaccionou o romanticismo revolucionario de primeira hora.

Comentarios