Opinión

AVE

Hai catro grandes marcos para analizar o tema do AVE Madrid-Gz:

1. Ecoloxía apolítica: A ecoloxía como algo neutro e o AVE coma ben absoluto. No peor dos casos, por pánfilo, o capitalismo non existe e a cousa vai de “salvar o planeta”. No mellor, por tecnoutópico, o capitalismo posibilita a sustentabilidade, o crecemento ilimitado do PIB e a súa redistribución. Un choio!

2. Xestión entregada ao existente: É a extensión terreal do anterior. Parte de que a política debe circunscribirse ao xeito en que o capitalismo se desenvolve en cada lugar. Naturaliza o modo de produción xeral e cada modelo produtivo concreto. Fixa o seu criterio en función de se hai ou non melloras do PIB dentro do modelo, aínda que as posicións relativas dentro deste son bastante estables. É verde pero tampouco se pecha a outras solucións que aseguren o funcionamento desa abstracción chamada “economía”. O AVE a Madrid é bo sobre todo porque inserta máis a Gz no modelo produtivo español.

3. Ecoloxismo apocalíptico: Non sen certa razón, ve trazas do desastre por toda parte pero, malia a aparencia dunha enorme politización, opta pola espera e porque a extensión do desastre cree as condicións para a “verdadeira” política. Este tipo de posición parécese á do marxismo economicista, que acreditaba que o comunismo adviría despois de que as contradicións inherentes ao capitalismo fixesen esboroar o sistema por si mesmo. Aínda estamos agardando. Sobre o AVE? O mundo vai ao colapso de todos xeitos.

4. Xestión crítica do existente: Ve a economía como economía política e o mesmo a ecoloxía. Cre que hai que meter as mans na lameira e tamén que non hai que esquecer a oposición ao marco económico xeral. É unha posición que ten alternativas de modelo produtivo (niso basea a súa intervención), pero non unha alternativa global ao modo de produción. Considera que esta só aparecerá na dialéctica co existente. 

Este é o marco de quen isto escribe: o AVE é mellor que o avión, pero o AVE non veu para salvar o planeta senón para asegurar a reprodución do capital; en concreto, do español. O AVE radial é fundamental para o modelo ayusista Madrid=España: Gran hub financeiro global no centro e turismo na periferia. Desde este recanto do mundo, o AVE radial é xa unha realidade que haberá que poñer a traballar ao noso favor (se iso é posible); agora, o entusiasmo noso co AVE radial debería ser igual ao da xeopolítica portuguesa cando ten que lidar coa teima mesetaria de aproximar Lisboa a Madrid: tendente a cero. 

Comentarios