Anos sen lenda

Vin dúas pezas audiovisuais sobre grupos dos 90. Unha, máis cinguida ao xénero documental, sobre os escoceses Mogwai: If the Stars Had a Sound (2024). Outra, máis cinematográfica, na que Isaki Lacuesta se achega aos granadinos Los Planetas: Segundo premio (2024). Os protagonistas da cultura pop dos 90 comezan a criar canas e calvas e demandan, como xeración, que alguén conte a súa historia; ou, como se di no filme de Lacuesta, a súa "lenda". O docu de Mogwai decepciona: rácano para os primeiros tempos e sentimental cando aborda o presente. O de Lacuesta funciona como filme, pero a frialdade coa que foi acollido pola banda evidencia que a “lenda” non era a agardada. Estas olladas restrospectivas suscitan incredulidade a quen estivo atento no momento a eses mundos creativos: arredor da explosión do indie, que seguiu ao éxito de Nirvana, había boa música, pero lenda ningunha: só autocomplacencia, narcisismo e ironía narcotizante.

O ex deputado de Podemos e profesor de Filosofía, Eduardo Maura, escribiu en 2018, Los 90. Euforia y miedo en la modernidad democrática española, un ensaio que pretendía teorizar a década para o Estado (do punto de vista de alguén cómodo na identidade española). A súa ollada (con cero referencias á “España rural”) céntrase na construción do consenso que acompañou a homologación co "soño europeo": os megaeventos do 92, a entrada no euro, os novos formatos mediáticos, a cultura tecno e os movementos "pola paz" no País Vasco. A ollada de Maura non se centra nos que desconfiaban dos Xogos de Barcelona e da Expo (ou, aquí, do Xacobeo 93), senón nos integrados na monarquía parlamentaria, que gozaban do momento de bonanza económica e da promesa de ascenso a través da universidade ou as profisións creativas e liberais. Maura trata de ler os mecanismos do consenso nos felices noventa e critica á esquerda rosmona e inadaptada. O penoso devir do errejonismo consituíu, en si mesmo, unha refutación desa "esquerda sen tradición" pola vía dos feitos. Moitos dos que acabarían berrando nas prazas do 15M pasaran antes polas urnas socialistas, convencidos de que "Europa" e “Modernización” eran as chaves do ceo. A crise de 2008 chegou como un balde de auga fría. A novela El desierto Blanco (2023), de Luis López Carrasco, pon, con maior pericia que a que se observa no irregular ensaio de Maura, a concepción do 2008 como o momento liminal no que o espellismo revelou a súa verdadeira natureza. Benvidos, como dicía o outro, ao deserto do real.

Comentarios