A cidade sen relato
Que a transformación de Vigo nunha cidade (mal) terciarizada, cuxo síntoma é a charramangueirada caballerista, é a historia dunha decadencia, rastréxase, entre outras cousas, en dous aspectos como son a conservación do patrimonio arquitectónico industrial e a oferta museística. Políticas, estas, de transformación urbana que, en lugares de características similares, tiveron outros desenlaces. A promesa eterna sobre os usos da Panificadora, o estado das naves de Alonarti e Alfageme e os visos xentrificadores con espírito de nova planta que se cernen sobre Beiramar non anuncian nada bo sobre a cuestión do patrimonio industrial (do mesmo xeito que a intervención no Barrio do Cura non o foi para o patrimonio a secas). Canto á oferta museística, o único museo que conseguiu durar no tempo, o Quiñones de León, fíxoo a custa de manter un perfil pouco atractivo para o paradigma de masas da cidade terciarizada.
A febre que percorreu o Estado español da burbulla inmobiliaria deu como resultado –tratábase de seguir a estela do Guggenheim de Bilbao– a creación do Museo do Mar de Galiza, impulsado polo Xunta do Bipartito; do MARCO, durante o goberno de coalición BNG-PSOE e, froito da teima do socialista Carlos González Príncipe, tamén co goberno Castrillo, da Casa das Palabras. A estes hai que sumarlle o pequeno museo etnográfico Liste (que continúa ranqueante no predio da Pastora) e, poucos anos despois, a apertura da Pinacoteca Fernández del Riego, que sobrevive, sen pena nin gloria, falta de calquera planificación que a nutra de contido.
Ao tempo, a privatización da Caixa de Aforros (auténtico presaxio da decadencia que viña) eliminou da ecuación a cota expositiva que ofrecía a súa obra social. O Museo do Mar e o MARCO son hoxe contedores sen contido que, faltos dun equipo reitor que lles outorgue coherencia, se dedican a programar restroballos sen criterio ningún. O anuncio da transformación do vello capricho de Príncipe, a Casa das Palabras, nun museo dedicado á propia cidade podería interpretarse coma un punto de inflexión a respecto da situación da oferta museística na cidade. Vigo precisa dun museo que conte a historia das súas xentes e, porén, cabe sospeitar que a aposta do actual alcalde ten máis que ver co encaixe desa idea no seu (non)modelo de cidade (capital provinciana do turismo low-cost construída sobre un localismo para dummies) que nun interese xenuíno por estender o relato sobre a cidade máis alá das bufonadas kitch ás que nos ten afeitos.