Opinión

Vidas na morte

A morte está nos corazóns das vidas. Non digamos nestas datas pasadas de defuntos acompañadas do novo Entroido outonal de ritos consumistas (no dicir de Felipe-Senén) nomeado Samhaim ou Halloween. Agora en novo ciclo e nesta terza feira, co andar teimoso da Covid-19, imos coas eleccións nos EEUU e celebramos o nacer de “Os nomes do terror” neste xornal. Pero tamén no de vidas e morte, no de memoria e reparación, procede, como están a facer en Escocia, ter en conta as nosas chamadas bruxas. Esas mulleres especiais que conviña actualizar en dignidade, pois non se anda ben camiñando de erro en erro. Elas non desfrutaron da felicidade do seu vivir e debesen ser restituídas na inocencia. Volvelas á vida de honra que lles sacaron. Hai que pedirlles perdón publicamente. Foron moi perseguidas. As acusacións ían desde a Igrexa, o poder, ata boa parte das veciñanzas. Xulgáronas como moi perigosas. Sobre todo porque entendían (adoraban) a fertilidade como un ben libre. Tamén por seren creadoras de moitos remedios, en especial anticonceptivos. Elas mediaban e interviñan nos abortos. Axudaban as outras mulleres a teren control dos propios corpos. Por iso as perseguían. Facíano para atemorizar as demais mulleres e “domestico/rendelas” e metelas nas casas para a reprodución, traballos e coidados. As chamadas bruxas (como activistas?) non eran malvadas ás que prender, ferir, ridiculizar e matar. Non se volvían vellas “malismas” con verrugas e narices grandes. Pola boa memoria e a historia hai que recuperalas. Restauralas en inocencia polos falsos delitos de bruxería. Pedirlles perdón.

Comentarios