Opinión

Tempos

Andamos por tempos de apatía social deseñados para “ganancia de pescadores”. Por iso, na sólida e pensada intencionalidade, o Goberno en Galicia(x3) vai de postureo social, de falsa igualdade, e veña cartos ao privado e cutrería militante para o público.Velos aí como indo a favor duns poucos e en contra do pobo, pronuncian o de “que ninguén quede atrás” ( claro que quen non chegue de por si, que pedalee). O pobo vai marcha atrás e as corporacións arriquecidas fano avante a toda máquina e estas tratan, cos “amigos” dos medios, de transmitir (enganando) que o público é malo, desbaratamento, corruptela, extrema burocracia deficiente de pouca valía e o privadísimo é eficiente, rápido, de calidade. Sempre así, montándoa e remontando. E claro, se a este Goberno en Galicia(x3) lles falas, non escoitan. Se estás enfronte, nin te miran. Se loitas, mándanche a que se sabe.

Son tempos nos que indo en “primeiro de entender”, non se pode mirar para outro lado e deixarse levar. Hai que romper as cegueiras e as xordeiras. E así, caras á vista, desde o presente, na liberdade e con dignidade, en accións de conquistas, con novas expectativas integradoras neste pobo de certo e  sen renunciar ao que nos corresponde por ser noso, decidindo, sexamos quen de espertar e poñernos á fronte das nosas vidas en espazos de confianza nos que nos sentir e notar como son (e van) os avances necesarios. O noso pouco de arestora ha ser moito cargadiño de todo e para iso a receita non é calar, nin achantar. Non podemos abrir os días convencidos e pechalos vencidos por moi hispanogalaicos que nos queiran ver.

Comentarios