Opinión

Rosalía

E velaí ela, Rosalía, voz e aporte esencial, marabilloso e militante, da nosa masa nai e substancial de patria matria, facendo anos. Anos que interiorizamos activamente nas nosas biografías como referentes de significados comprensivos, aínda que dicir que esta data (agora do vinte e tres), a pesar de tela indicada no calendario escolar, está sen recoñecer oficialmente (a día nacional popular) por este Goberno en Galicia (x3). Goberno el con mirada sen conciencia, con cinismo de dobre moral e prepotente (nunca erra nin culpa ten), amigo dos señoritos e poderosos, facilitador dos saqueos dos nosos recursos, duro (pouco de fiar) coa nosa xente e amable (servil) cos outros poucos que se valen e enriquecen dos outros moitos. Velaí Galiza, enviando as cousas sen mastigalas, ela no centro da diana en pura "obediencia galega", reverenciando o poder que por nós decide e ao que queremos agradarlle (como a un "amo", si, tal figura desexada de  necesidade vital). Galiza atlántica, "gran hotel", dando a ver que a vida non vale igual para todas, que cando non hai proxecto propio con arraigo acábase durmindo cun "amigo" (que é inimigo), pois nós "imos indo e é o que hai". Que nos firan está mal, pero que por riba lle deamos as armas e ferramentas para facelo xa é o colmo. Que azucrada a "simpatía galega". A que si? Que doce "resistencia" a de golpeados, ou colonizados, sobrevivindo, achantadiños, acomodados ao "está ben, si señor", agardando (sen andar). Canto espero pola tanta sabedoría gobernamental, descridos das forzas propias. Canto sentidiño…!

E así Rosalía, muller galega, sen casa de seu, de antes e hoxe para sempre, nestes tempos onde se trata de normalizar a corrupción, si, a que bota xente ás rúas para defendela, velaí a ela, a discurso feminista reivindicando pobo. Por iso nós no exercicio dos nosos pensamentos, léndoa, terémola como referente de liberación. A súa obra vital como argumento da nosa soberanía. E así Galiza, como espazo de forzas unitarias de loita, posta en rumbo, na potenciación das liberdades democráticas, determinarase na súa emancipación como pobo transcendente. Rosalía, desde a dor vivida nas súas propias carnes, intuía que en Galiza había condicións para outras políticas. Arestora tamén. 

E polo mesmo hai que medir ben os pasos formateando actitudes na urxencia de tomar as rendas das nosas vidas e as do noso país, sentíndonos da e na rúa, para facermos o traxecto ao servizo deste pobo e da cidadanía, pois as intencións irán coa  construción de futuro (tomalo nas nosas mans) e non quedarnos neste presente sinistro no que estamos. Velaí unha oportunidade (unha máis) que se nos abre. Hai que aportar. Son horas de meterse e de comprometerse. Rosalía fíxoo desde a súa vida de muller, desde a literatura e a cultura. Desde a política. E non foi neutra. Quíxolle a Galiza. Tócanos construír celebrando a liberdade. 

Comentarios