domingo 09/05/21

Realidades

A realidade maréanos. Ponnos dos nervios. E non digamos este Goberno de (en) Galicia, que mal entra na liña e muda de color como os polbos. Non quere igar e non nos saca dos trasgolos. Emporiso a corda non se lle acaba e gabarse si que lles gusta ben. Por moito mal que fagan, non remorden o labio. Queren a súa Galicia como unha señora ben, por veces golfa, a palabras que pouco digan, en apertas que non unan e a bicos que non biquen, onde as institucións, as que estarían para servir, agora na pandemia o fagan para discutir quen ou non ten competencias e así, no mentres tanto, quedemos a velas vir. Aí os están no reino das súas verdades, facendo a súa realidade, sen lles importar o que pensan os e as demais. E nese contexto, esta pandemia déixao claro, que non é un conto chinés, aí estamos vivindo unha discriminación latente en función da idade biolóxica da nosa cidadanía.Un trato difícil para cos e coas nosas maiores e sobre todo con quen non poden valerse por si.

Ata se escolle a quen e como atender (ou non) o mal, ou se intervir (ou non) cirurxicamente, por razóns de idade. Aí están coas feridas das súas dignidades en plena desigualdade, como senón existisen. Nas súas realidades, as políticas non lles dan moita cancha, nin en presente e temémonos que, de non remédialo, tampouco en futuro. Non o ve, quen non quere velo. Por iso será de lei e democracia, que logo de que pase todo isto, se depuren responsabilidades, porque responsables haber hainos. Ninguén pode ferir impunemente. Non valen as falacias informativas. A honestidade existe. O idadismo ten a súa realidade.

*igar = igualar / trasgolos = disgustos (na Terra Cha)

comentarios