Opinión

Quen quedarán?

Nestes días as imaxes nos medios érano de nervios, de présas e cabreos, por non poder saír. Destacaron as marabillas dos paseos polas praias, o estar nas terrazas desfrutando cunhas cervexas (e levar na cabeza desculpas para salvar por estar onde non debían). Velaí a súa función “informativa e democrática” (“libres e independentes”) exercendo neste paréntese chamado “Semana Santa” (no que se aproveita a paixón do fillo de Deus para chamo turístico). Velaí a mostra da “viveza” dunha sociedade activada. Lecer “popular” e exclusivo de quen multiplican os seus pans e os seus peixes. E quen quedaron na casa?

Ver a monxiña en Ourense repartindo que comer polas rúas da cidade, tamén as fileiras de xentes nos comedores e buscando alimentos, non hai dúbidas que a comida é un dereito humano esencial e que os movementos e nervios desta xente van por outros camiños que aos medios non lle mandan visibilizar.Tampouco o fan con quen na casa non chegan a fin de mes, que resisten na pobreza, que se quedan sempre. Todas e todos son parte esencial deste pobo. Velaí a realidade que a contabilidade social nos indica. O medre da pobreza multiplicándose.

A normalidade non ha ser doada. O Goberno de Galicia non pode ser indiferente e quedar nas marabillas de minorías.O pobo está aí e os tempos son de padecer e de incertezas. Máis que falar das e dos políticos, toca actuar con base nos nosos intereses reais, pois á vista está que os gobernos se constitúen para defender os ricos dos pobres. Basta de imaxes falsas. Nada se amaña con esmolas. E no mañá de “pascua seguida”… quen quedarán?

Comentarios