Opinión

Que nos papan

Desde o 13 deste mes do ano 2002 comezamos o sufrir do desastre do Prestige. Nese triste andar xa vimos claramente o permanente engano do Goberno Español que quixo amañar o problema con protagonismo desde a distancia. Canto descoñecemento e incompetencia. A Xunta non pintou nada. E ao mal engadíuselle a mentira (por exemplo, os "hilillos" rajoynianos). Dicir que destas Fraga estaba instalado na marabillosa tranquilidade das maiorías, os medios facíanlle coro e a onda, pero aquí comezou o seu "solpor". Non lle valeron os ataques de "crense que están no maio do 68" ou aqueloutro "uns chegan con promesas, pero eu veño con cartos no peto". Tamén se recordan as ideas dinamiteiras dalgún ministro e as mentiras (Aznar incluído). Canta verborrea no medio do drama e da convulsión. Non puideron, nin poden, coa forza popular de Nunca Máis. De todas formas non convén esquecer que por fronte nosa vai unha das autoestradas mariñas máis transitada do Planeta. A falta de recursos é notoria. Contan que en moitas casas bastante do material usado hai vinte anos está gardado por se fixer falla (cando e como verase). Que se aprendeu da catástrofe? Alguén sabio dixo que "esquecer non convén". A xente máis moza non sabe o que foi.

Pois ben, a 20 anos do Prestige, velos aí están os mercaderes dos grandes oligopolios e das enerxéticas (das que o Estado e Galiza debesen ser accionistas asumindo a xestión pública das enerxías, pero non). Esas corporacións dominan os mercados clave e cada mes anuncian maiores beneficios, experimentando ganancias como se fosen tahúres no canto de empresarios. Velas aí invasoras instalarse por terra, mar e aire, a todo fogoso desenvolvemento. Son eólicas, solares e hidráulicas (que virán outras). Sen ningún miramento fan de Galiza un espazo preferente para sacar a mellor tallada de abondosos dividendos. Saben da boa disposición e sintonía, por pura ideoloxía, en perfecto suma e segue, do Goberno en Galiza e do Estatal, facilitándolles xestión e trámites inspirados nas urxencias, pois como a UE potencia as renovables, hai que ir a saco e a barullo, enlodándoo todo, pois dicirlle a Europa "amén, si señor" dá cartos. Proclaman facelo por ecoloxía, limpeza, progreso e desenvolvemento, cando as institucións, Gobernos e Concellos, boa parte deles con criterios partidistas, colaboran e torpedean a veciñanza (que se sente orfa). Tamén as comunidades, comisións e outras organizacións, no canto de poñer a disposición de todas e todos os seus medios e servizos xurídicos para resolver os problemas e non armarlle trabas a calquera intervención social ou veciñal. Ata se permiten ameazas, malas maneiras, sen pensar no ben común dos e das que representan. Fortalécense os monopolios no canto de democratizar as producións enerxéticas. Ninguén se opón ás renovables, pero dialogando con sentido común, pois hai novos camiños a seguir. Que nos papan.

Comentarios