Opinión

Poesía

Temos claro que todas e todos, de primeiras, somos poetas. Un pao, unha vara ou unha aguillada, volvémolas cabalos, espadas, remos etc. Un libro facémolo volante dun coche, raqueta de tenis ou caixa de marabillosos arrecendos, sabores de saberes, ou de músicas selectas. E así imos construíndo desde significados que volvemos significantes para darlles outros significados (ben poéticos). Logo con máis material e contando, elaboramos relatos. Sendo poetas, tamén somos narradores e narradoras. Polo mesmo diremos que sentir a vida, lela, pensala, é establecer a posibilidade de volvela poesía e narración. 

Hoxe queremos considerar a poesía, si, como proposta desde a que motivamos capacidades individuais e colectivas. Poesía na lingua como ben enerxético a dinámica de construción nacional galega. Aporte de valía para xestionar as nosas vidas activadas que nos han levar a maiores cotas de liberdade e de xustiza. (Re)animación significativa para saír da pasividade, da resignación, do esgotamento e orientarnos comprensivamente a ser máis determinantes nos ámbitos e espazos de intervención cidadá, pois a poesía levaranos buscar portas de oportunidades e entrar desfrutando as maiorías do noso pobo. Velaí tamén o sentido do facer poético. O traballo e a construción. A superación de tantas rutinas. Calidade democrática. Moito sentido común.

Da man da poesía acabemos de andarmos, como di Ana Romaní, a “beizos cosidos”. Liberémonos das censuras. Saibamos o que vemos para intervilo e crelo. Vaiamos niso a encontro militante. A corpo común mobilizado. A poemas que recitemos escoitándonos.

Comentarios