Opinión

Para ser somos

Nestes tempos e coma case sempre, pero con máis intensidade, todas e todos carnívoros, sen ningunha purga de humildade, a todo pico de ouro, velaí o Presidente de Galicia (x3) e os seus acompañantes. Andan polos 'madriles' con discursos das nosas marabillas, con promesas de desfrutar dos nosos milagres e camiños. Galicia (x3), din, non ten grises nin negros. Non hai ceos apardazados por ningún mal. Imos por cores e a choiva na capital xa non é arte, pois Galicia (x3) vai de fino á medida de quen se ilusione. Debúxase nun paraíso sen igual. A desfrutar dela, pois, á carta. O menú está servido. Hai moito que ver. Somos o máis mellor (proclámase). Vaia canta palabra! Falar por alentar discursos "calote", como as centolas baleiras, propios dunha operación de marketing e non de referentes e realizacións, realidades, consistentes no tecido socioeconómico galego para ser somos.

Canto papel de agasallo envolvente do moi pouco (ou nada) e con todo así, aínda non chegamos aos límites do cansazo. Dinnos que as galegas e os galegos somos unha potencia, que somos os primeiros en moitísimas cousas, que podemos facer memoria e enumeralas. Pesca, automóbiles, barcos, produción enerxética, forestal, gandeira, leite, carne, fe e camiño. E moito máis. E ben que así nolo venden. Ata por riba das realidades (que sufrimos) póñennos nas emocións de emerxer doado, de pouco contido e falsas, que nos ilusionan con sentidiño e así a tallada vai sempre para o mesmo prato (non para o noso) co aplauso afervoado dos falsamente postos e postas nas figuracións de que todo "cae de arriba" (que só implican enganos) e veña, que morra o conto.
Nós somos, ou sono outras xentes? Velaí que debemos andar ao loro, ben avisados, e telo claro, que as mentiras repetidas non poderán nunca volverse verdades. Os triunfalismos baleiros poida que vallan para gañar eleccións, pero para que avancemos e sexamos somos, nada de nada. As lucerías son trampas para conformismos, que minguan a cada paso un algo máis, a pouca ambición que se gasta, pois moito se aforra por non ter e a pouca ganancia nunca empeña. Non basta unha simple lavadela. O futuro podemos descoñecelo, ignoralo, pasar del, pero chega e nós precisamente non somos a riqueza que non necesita brillo e si somos a pobreza que neste momento brilla intensamente (ata polos camiños de Santiago).

E veña dar chimpos. E sempre anunciándonos futuros ao lonxe (logo incumpridos). Sempre coas culpas aos demais. A eficacia anda á baixa e soñar con tempos vellos non nos leva a ningún sitio. Tampouco aforrar forzas no baúl dos silencios. Decatémonos (e comprendamos) do que nos transmiten con toda naturalidade "sodes moito, non teredes nada voso, pero viviredes felices". Velaí a necesidade de acalar tanta palabrería. Tanto discurso de fume. Vivamos as nosas políticas na nosa soberanía para ser somos. A ver se a Candelaria ri, ou chora.

Comentarios