Opinión

Palestina

Neste día das Letras Galegas, con Xela , as nosas palabras van cheas de contido e significados intensos. Digan o que digan, decreten o que lles pete, somos Pobo Galego con Lingua Galega de seu e así nos desenvolveremos na firmeza absoluta da nosa soberanía. Non hai outra. E así, desde Pobo, Lingua e soberanía, tamén irmandamos cos outros pobos da universalidade. E facémolo pois con Palestina. Pobo resistente que non se rende e que sobre el, Israel teimosamente embarcouse nunha nova matanza. Unha máis. O tema é vello, a agresión medra. E a presión mundial é cativa. Diríamos a dun dedo de recén sobre un vaso de auga. As familias palestinas teñen que deixar as casas e no seu lugar entran colonos xudeus. Ningún dos e das expulsadas poderán volver. Prívallo o dereito de conquista. Israel así leva o apartheid como sinal de identidade. E canto tempo o mundo se quedará cos brazos cruzados (que xa non sabe nin asubiar e larga palabrería que non vai con ninguén, sen mirar para outro lado, pois dálle igual)? Israel leva mortos máis nenos e nenas que milicianos. O desequilibrio de forzas é bestial. Sempre caen as serraduras nos mesmos ollos. Nos dos de abaixo. Para Israel, os crimes de apartheid e persecución, levan consigo dominio e humillación ao Pobo Palestino. Unha absoluta declaración de crueldade. Todo á conta do exterminio do Pobo Palestino. Canto o Goberno de Galicia (x3) se quedará calado sen mover unha palla? Non temos que saber máis o que alá pasa? O Pobo Palestino será soberano sen deixar nin unha soa cunca da súa terra. Por iso loitan. Non basta velo. A nosa solidariedade ha ser intensa.

Comentarios