Opinión

Oír, ver e falar

Non é novo que aínda nos digan o aquel de “ ti cala, cala e come, oír, ver e calar” e. claro, pensamos que son horas de ir (que xa van bastantes) por outros vieiros. Facelo sen “tragar”, sen papar do alleo, nin se guiar por compañías mentireiras que mal orientan e manipulan a fartar. Dicir que esas manipulacións non veñen de “falsos añiños solitarios” e si de persoas en lugares superiores das que non é doado poñer á vista, pois tápanse e tápannos. Ben que lles gustaría domesticarnos. Facer de nós unha sociedade servil, pusilánime, onde o medo collese carta de natureza para arrefriar as ilusións dos dereitos conquistados.

Tamén, en liberdade controlada, non nos permitir o desenvolvemento das nosas capacidades de mirar cara a un futuro aberto para Galiza. Así, a diálogo cero.

A cidadanía cero. E na corda dos anteditos, o Goberno en Galicia (x3) dinos “ o propio determinámolo nós”. E non llelo podemos admitir, pois propoñer proxectos diverxentes, argumentar ideas diferentes, exercer discursos de esencia crítica, querer outra Galiza e máis… non é propio? Pedir responsabilidades non é propio? Iso provoca ofensas? Este Goberno en Galicia (x3), entre titulares da corda e imaxes, pide equilibrio e sentidiño, mentres moitas das súas intencións levan consigo silencios e escuridades, procurando que o pobo tarde en sabelo. E para os demais censura e control da expresión limpa do exercicio democrático. E diante de discursos rigorosos que aos gobernantes lle poñen á vista o mal facer, collen e van de vítimas (como insultados). Que esperanzador ver que a resistencia segue viva.

Comentarios