Opinión

O que debe ser

Nesta primavera aquí pola miña parte andan coa pesca e moi en especial coa do salmón, e así, unha máis, xorden rapidamente os dicires tópicomentireiros. Os medios anuncian como se logrou o “campanu” do Ulla. Fano como se non tivésemos palabras para dicilo. Como se na nosa lingua vital non houbese para sermos de nós e precisos. Así lle pasa referido a unhas marabillosas plantacións de maceiras de mazás para sidra. Agora na florecida anúncianas como “el Jerte gallego”. E na miña vila fálase da rúa de máis distingo como a do “kilómetro cero”. Abofé que un anda escandalosamente desacougado. Moi cabreado.

As cabesiñas deberían dar para máis. Queremos vivir en galego e non deixarnos chuchar e limitar por influencias de palabras estereotipadas, fóra da nosa construción e creación cultural e lingüística. En cada roca seu fuso e en cada terra seu uso. Dicirlle, poñemos por caso e de querer, ao primeiro salmón, “degorado, gorado etc.” e anuncialo, que hai mil maneiras propias para un acordo e consenso. Tamén para as maceiras, pomaredas, pomares e para a rúa “bonita”, dicirlle de “bo mercar” ou outra. Temos e moito.

A lingua, como di o profesor Francisco Rodríguez: “…non pode ser un encordio que se supera coa inmersión na españolidade política, social, cultural e idiomática, en versión madrileña”. Na lingua non vale o doado e volvernos pura decadencia para favorecer unha tropa oportunista (colonizadora ben localizada). A lingua é un piar fundamental que nos determina como nación. Iso custa e non pode haber rendición. As medidas a prol do seu apoio non poden ser coreñas.

Comentarios