Opinión

A nosa lingua é a galega

Xa fixemos camiño. Fomos no mes de Santo André e viñemos noutro. Benvido decembro. Chegan novos días. Pero os problemas fanse de maior acento e de intensidade agresiva. Un deles é o da nosa lingua. Xa non se andan con chiquitas. Van contra dela de fronte e a toda máquina. Reivindican status e categoría para o español.

Para eles e para o goberno de Galicia (ao cubo) o español é lingua de Galicia. Ten absoluta faesprotección e amparo, pois ao parecer está en risco de desaparecer. Basta de tanto galego. Xa está ben (opinan e decretan). Velo aí o centralismo lingüístico marcando lugar, tendencia e peso, nesta (para eles) "periferia do noroeste de España". Xunto co goberno de Galicia (ao cubo) non recoñecen que as nacionalidades teñen linguas propias e buscan formas (aplaudidas) de silencialas. Póñenlle decretos. Menuda vandalización.

Destas, con pasividade, resignación e "tolerancia", pola nosa parte, mal irán as cousas ao seu sitio. Xa non hai lugar para a indiferenza. Hai que mirar ao progreso. O pobo galego será o único capaz de liberarse. Son horas do seu protagonismo. Tamén de anticiparse ao futuro que lle arman quen non respectan a nosa lingua. Quen intentan romper a nosa identidade. Todo coa prepotencia do goberno de Galicia (ao cubo) que milita no autoodio. Van no monólogo. Son o modelo (din). E queren a destrución. Velaí a guerra lingüística. A saída disto con eles non se intúe boa, nin progresista. Para cando a rebeldía? Teiman en que o castelán sexa a lingua de identidade de España. Para nós, galegas e galegos, a nosa lingua é a Galega.  

Comentarios