Opinión

Non hai pausa

Xa estamos entrando no outono e facemos memoria do verán que se nos vai e que percorremos con bastante seca e lumes. Toca seguir nela, no facer, pois como dicía alguén, "a vida é como a bicicleta: se non pedaleas, caes". E así entre aconteceres, parrandas e ocorrencias lamentables, na chegada a Galiza de non pouca xente, visitantes de pouca monta, déronse unha serie de actitudes e conductas, faladorías de opinantes do que e do como debéramos ser. Un nobelo de situacións na casa argallado e fiado no denominador común de nos colocar no intranscendente, na pouca valía, dependentes sempre do poderoso, do deber a vida, ou o que é peor, facernos ver tal non existentes,  sacándonos da verdade do que somos: galegas e galegos. E abofé que doe. Vaia se doe.

Das valoracións de xente que non nos quere, todas de mala moa, acedas, tamén asemade xocosas, vai o tema da nosa Lingua, a cal, por nosa, usándoa, dínnola de imposición, mesmo arma excluínte para botalos fóra dos nosos límites, cousa que nos vai saír caro (din), e así para estes e estas o idioma que debe campar único e fluorescente é o Español, que o resto son faragullas de pobres, das de iren ao chan nunha mesa onde caben os que caben, que non son todas e todos. Vaites, vaites. Que gañas teñen de establecer as relacións, as nosas realidades, no tóxico. Como todo se lle volve un labirinto. Están na ignorancia e póñense no medo. De aí pasan ao odio e chegan, se for preciso, á violencia, para teren a razón das e dos que non razoan.

Para cando quen nos visitan irán asumindo que o galego é a nosa Lingua? Iso está por riba de calquera restrición. E nós temos o deber de ser os gardas desa verdade incuestionable. Estamos fartos de palabrerías, perdoavidas, especulacións, pactos, normas, decretos, intereses varios e lexislación de comenencias. Imos cansadiños de tantas maquinacións de opinantes que, cos medios de comunicación sementadores de tanta miseria, nos venden declaracións animosas, mesmo avisos de perdas e ameazas en imperativo, como se fosen os seus intereses e privilexios verdades de xustiza. Non son  máis que inimigos do que somos. E nós, medorentos, achantadiños na falsa prudencia do "non vaia ser", botámonos máis á estupidez cá intelixencia. Por riba, este Goberno en Galicia (x3) ten a lección aprendida, sábea ben, e así para a nosa Lingua, a nosa identidade aporta pouco (reducindo) e resta moito (multiplicando). Non a protexe nin a promove. Non axuda a recuperala para o seu uso tanto na vida pública como na privada. Debilítaa. Quérea vulnerable.

A cousa é que nós, galegas e galegos, queremos vivir a nosa vida na nosa Lingua. Metérsenos polo medio encerellando é unha irrespectuosa vulneración dos nosos dereitos. Déixennos en paz. Queremos desenvolvernos en galego. Facelo, gústelles ou non, vai na nosa vontade propia. Cremos que é o correcto. Ir nesa dirección faranos libres. Vale?

Comentarios