Opinión

Memoria

Nos días do mes patrio hai contidos que reforzan a esencia política da cidadanía e asemade axudan a ver ben a manipulación mediática que se fai da nosa Historia.

O dezasete, na illa de San Simón (Illa da Memoria) celebrouse un acto de recordo das vítimas, represaliadas e represaliados, polo golpe de Estado que asentou a ditadura franquista. Este acto, xunto con outros, une a recuperación da nosa memoria. Memoria de moita importancia política e cultural, xa que a chamada transición levou consigo impunidade. Foi un tributo a pagar. Quedou todo atado e ben atado. Iso desequilibrou, e trata de emendarse, os dereitos (e a defensa dos mesmos) de quen sufriron asasinato e represalias, pois as políticas da nosa memoria deséñanse nas liñas de quen pactaron aquela transición. O concepto que manexan de “reconciliación” é moi discutible. A recuperación da nosa memoria non pode vulnerar dereitos de reparación e restauración.

Tamén, no día de Galiza de 1948, no Teatro Agentino, Daniel pronunciou “Alba de Groria”. A derradeira peza oratoria dita por el. Nela destaca: Emigración, Historia e Pobo. E así el dicía: [...] veremos xurdir do Humus da terra-nai, da terra da nosa terra, ...unha infinda moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que forman o substractum insobornabel da Patria Galega… son quen crearon o idioma... a nosa cultura… o feito diferencial de Galiza… representan o Pobo que nunca nos traicionou”.

Velaí o esforzo común e necesario para traballar pola decencia política. Como dicía Daniel: “temos ilusión e levamos no peto un plano de futuro”. Certo.

Comentarios