Opinión

Manuel María da Galiza

Hoxe hai dezaseis anos de cando Manuel María se foi á memoria sempre deste pobo. Hoxe chamámolo a máis cerca para celebración nacional galega, pois a nosa ilusión ao pé da súa exemplariedade supera os tempos que deben correr tras dela para realizarse no máis certo desde as propias palabras do Manuel: “Galiza somos nós”. E serémolo cando saibamos que facer e como facer, postos na marabillosa capacidade colectiva de ser, para que se produzan os cambios necesarios de vivir (en) Galiza en plenitude. Nisto nada de espectáculos de falsedades emocionais, nin saloucos salaiados, propios dun discurso presidencial de hai pouco. Aquí amor de pobo en comuñón de ideas.

Manuel María foi (e mantémolo na vixencia de galego normalizado) poeta nacional de escritura limpa e viva de experiencia. A súa  pluralidade temática vai na esencia do Pobo do Galego. E de aí podemos sacar  que a literatura tamén doe. Os seus versos no reflictir da lectura alumean vivencias. Actívanse cheos de imaxinación e de depuradas reflexións.Para Manuel, home de sinxeleza probada, ser poeta é máis que un estilo. Para el a poesía conleva a necesidade de comunicar, sentindo o idioma como sustento do seu facer. De aí o seu gusto ( deber) por compartir. Militante en Galiza, no seu pobo, sempre reivindicou a nosa soberanía. Nótanse  ben os seus afectos de proximade. A súa obra, vida e pensamento, defínense  bandeira de nós. Manuel, que sufriu o silenciamento dos incómodos, axuda amplificar a nosa voz. Flores de Patria, a poesía e canto, hoxe en Outeiro de Rei, irmandando logo na Campa de Santa Isabel.

Comentarios