Opinión

Logo do día

Xa encarreiramos días de logo do da Patria. Xullo vaise. Os tempos agostados chaman á porta. E para dar pasos de seguir a construírnos non veñen nada mal reflexións de como estamos, preguntar polo que nos queda por diante e se asumir ou criticar o feito ou o non feito, xa que non son poucas as realidades ignoradas polo Goberno de Galicia (por tres). Hai feridas pendentes de pechar e a todas e a todos non nos doe o mesmo, así que se precisan moitos debates serios e abertos. Xa bastan os argumentos de urxencias e tamén xa enche tanta mentira legalizada. As responsabilidades non poden ser como un traxe que non se leva nin está de moda. Unha maioría non é licenza para gobernar de costas ao pobo. O exercicio da democracia, o da xustiza e as prácticas do poder, non poden pasar de lado por moito que aos gobernantes lles veña como de perlas unha cidadanía adurmiñada con mentalidade de rabaño manipulable que se acomoda placidamente. Por iso tamén é preciso o exame dos desexos para obrar, para facer certas as intuicións para este pobo, onde todas e todos teñamos sitio, sen exclusións, con dignidade, con xustiza real (e non de libro), en equidade, sen controis opresores, en liberdade, no unitario das pluralidades, na esperanza de felicidade. Velaí a obriga de concibilo así, de abrirlle as portas ao posible, nas reflexións, nas preguntas e nos desexos, para os días que nos agardan e así (tamén cos votos) deseñalo, construílo, vivilo, desfrutalo. As cousas como as desexamos son difíciles, pero se “andamos con cabeza”, fanse mellor. Os días vividos “en quente” son bonitos.

Comentarios