Opinión

Efectos e causas

E  un busca conquerir unha vida con máis alegría e niso canto nos vai en volver os ollos á terra. Mirar e ver. Velaí algunhas cousas (das moitas) que nos poñen de punta. A primeira a decisión dunha xuíza pola custodia dun recén. Galiza (a profunda)  é pouca cousa para educalo. Mellor a Málaga “cosmopolita” (yolé!). Puta diglosia mental. Que enfermidade! Manda carallo. Que se entenderá por ambiente “feliz”? E feliz aí queda coa decisión. E non pasará nada? A segunda vai coa señora Madalena no rural, cos fillos fóra. Tamén os netos. Ela vivía regular os seus oitenta e sete anos ata que sofre o que se lle vén enriba e non se lle repara.

Ela non pode ir á consulta polo seu pé (que lle queda a tres quilómetros da casa, aínda que para os eólicos bastan a un) e ten que coller un taxi xunto con tres da aldea. Pecháronlle a sucursal da caixa. Seica van poñerlles un bus por horas para atender a xente. Outra volta coller o taxi. Por agora aínda lle vai pola porta o peixe (colles ese, ou déixalo), o pan e o da tenda (que algo lle cobran polo “servizo”). Tamén o correo e o butano. Non lles falta o coche “oficial” para ir votar. E así, se mala atención médica, paz na terra. Se medran os eólicos, paz na terra. Se a banca gaña, paz na terra. Viva a Galicia (x3) chea de todo, pero a real, carente, ignorada e baleirándose. Miremos os efectos. Pensemos as causas. Decidamos. Hai moita decepción no que sofre este pobo.

Tristemente chégalle logo dos desexos e das expectativas que lle contan. Hai diferentes violencias. Basta con contar os problemas? A filosofía non é o “sentidiño”.

Comentarios