Opinión

E volta e dálle

Aí andan teimosamente coa matraca. Comezaron polo leste, Catalunya, e en nada por aquí. E volta e dálle coa lingua. Non paran con leis, decretos e porcentaxes, cando as linguas non están para que se gobernen e si para que se respecten e desenvolvan. Tampouco para consideralas unhas de pouca monta e outras poderosas. Quen lles outorgan esa valía e marabilla? Quen dispón os seus usos? E veña coa trécola das porcentaxes. Hai que ver con que gusto mantean, retorcen e controlan as linguas. Os pobos donos delas non pintan nada. E xa está ben. Deixen de tocar o violo. Paren ho!

As nacionalidades teñen linguas propias. Non inventadas. Sono de vida, de peito e creación, emotivas e afectivas. De mais e pais. De pobo.

Estiveron prohibidas, silenciadas, minorizadas. A liberdade non ha posibilitar que cadanseu pobo as use con intensidade? Que intervencións proceden? Quen lles marca uso e para que? 

No ensino público os contidos curriculares deben darse na lingua propia e as outras linguas de relación, necesarias, han impartirse para a súa aprendizaxe. Disto, nós, en Galiza, estamos a moita distancia. Aquí téñennos pillados polo “sentidiño” das disposicións gobernamentais que defenden as outras linguas e non a nosa, mesmo expresándose oficialmente nela. A guerra non é fría. Quenta. Manda que manda… a que si? Como falando en galego se pode ir contra del e controlalo a favor doutras linguas? A lingua galega determina a nosa dignidade e na casa temos quen nos pon horas de usos (de dignidade, non?). E aí veñen enredar e montala. E teremos que nos defender. Que entenderán por convivir?

Comentarios