xoves 06/05/21

E veñen máis

Xa levan tempo e agora veñen máis. Semella un choio. Referímonos á minaría, aos parques eólicos, si, os de tanto por terra e os que xa llelas teñen xuradas ás entradas das rías. Terra, mar e aire. Tanto para poucos. Velaí entre outros lugares os de Touro, Avión, Beariz, Doade, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Terras de Ordes e Mesía, Lousame, Río Eume (Endesa), por dicir algúns... Os ollos están postos na tallada. Velaí unha mala maneira de obrar (dolorosa para nós) con cálculos favorables para os depredadores. As consecuencias pagámolas nós. Veñen para lucrarse. Iranse “a petos cheos” e a sorrisos de marcar clase. Nós, de non remedialo e anticiparnos, quedaremos coa boca aberta e ata con cara de parvos tirándonos dos cabelos.

No das enerxías e minarías, como noutras cousas, nótase como a desigualdade nos sacode “de lo lindo”. E férenos. Ponnos a ermo. A voz dos que fan rianxo á nosa conta é mellor cá nosa. Escóitanos mellor. A fenda é alarmante. Quen participan nas decisións que deitan a favor das camarillas investidoras? Figura o non oficial á minaría e ás enerxías agresivas? As malas artes de poucos, consentidas pola Goberno de Galiza, valen máis cás verdades do noso pobo. Canta maldade contra nós posta en decretos. Agora que debésemos andar no deseño do futuro deste país, no gasto atinado do carto europeo, estaría ben coñecer de forma participativa a axenda política do Goberno de Galiza. Será a do PP e camarilla? Debemos atallalo en firme, pois veñen máis e “quen cala, outorga”. Galiza non pode ser a duns poucos que queren mover montañas, augas e aires. Non.

comentarios