Opinión

E vai de certo

Son tempos (non hai que estar cegos para velos ) que con discursos inflamados, desde a dereita e máis, queren delimitarnos aos seus círculos e facernos andar “a existencias toleradas”. O autoritarismo medra e pon en risco as nosas vidas. Por iso, outras e outros, son quen consciente e teimosamente buscan liñas correctas para determinar que a igualdade e a diferenza, a fidelidade e a xenerosidade, a responsabilidade, a solidariedade e a xustiza, todo na liberdade, son verdades e actitudes irrenunciables para vivir e liberarse. Queren medrar. Tamén avanzar creando espazos de encontros na pluralidade. Velaí as responsabilidades. A casa está aberta. E vai de certo.

Aprobouse a Lei orgánica de regulación da eutanasia. Débese celebralo. Moitas e moitos levan anos loitando por este logro. Velaí esa convivencia superior.

Pois a vida ten momentos que alongándoa non se recupera. Os sufrimentos superan calquera expectativa. Aí é cando hai que garantir unha morte digna. A Lei defende os dereitos humanos e a liberdade. Evita padeceres inxustificables. Ninguén quere morrer, pero tampouco malvivir, sufrindo e facendo sufrir. As vontades das persoas non se cuestionan. A Lei non obriga a nada. Nin a morrer nin a matar. Por iso se busca unha vida que leve a unha boa morte. Podemos decidir como morrer, pero non como o teñen que facer os demais. A vida non se lle quita a ninguén contra a súa vontade. A liberdade e a dignidade son intocables. Non se pode distorsionar o alcance desta Lei. Nada de mentiras nin medos. Sexamos consecuentes. Quen defenden a crueldade? E vai de certo.

Comentarios