Opinión

Día intenso

Velaí este dezasete, día da Galiza Mártir, intenso, co (no) andar de todos os outros pasados e vindeiros. Día significado que toca nos corazóns na loita teimosa, dura, pola nosa memoria colectiva e democrática. Día que nos convida a non mirar polo embazo dos cristais e si saírmos xuntos para que, representando ás e aos nosos mártires, celebremos a Alexandre Bóveda, loitador pola liberdade contra o fascismo, igual cás e coas demais galegas e galegos a quen tamén honramos e cos desexos como campo de batalla, recoñecendo, para sabermos máis o que pasou, quen os responsables e onde están as moitas vítimas que nos faltan, esixindo a limpeza das súas vidas.

O Goberno en Madrid e na Galicia (x3) non cumpren cos seus deberes de xustiza, reparación, restauración e recoñecemento. Non buscan a verdade. Nada fan por romper os silencios nin sacar ninguén dos esquecementos e ata promoven o discurso único primando o descoñecemento. Pero as e os nosos mártires “non morreron para morrer…”. Meten ruído. E diso tamén se encargan quen traballan pola nosa memoria aportando contidos á causa da verdade, divulgando e facendo das súas achegas verdadeiros antídotos contra as mentiras e as historias do fascismo, que os dos “vencedores” manipulan promovendo a amputación da democracia.

E así como dixo A. Bóveda, agardando, pero andando, declaramos que como referentes da nosa historia, os e as nosas mártires, na derrota, non os venceron e non se renderon nunca. As súas vidas non se apagan. Sempre están (re)nacendo ditosamente vivas. Dannos os bos días. Son memoria que respiramos. Aval para a nosa historia. 

Comentarios