Opinión

De alí para logo

V an con nós (e en nós) contidos do Culturgal. Abofé que a boa vila deunos de beber. Alí, para logo, vivimos espazos e tempos de verdadeira interdisciplinariedade cultural galega. E así para levar, e para as conquistas, reflexionamos sobre nós, a nosa cultura e lingua. Naquel contexto posibilitador de éxitos sentímonos felices nas capacidades de sermos, pero como parte de “o que fica fóra” (como di Manolo Rivas), si, tal como nunha burbulla, pois logo polo país, a realidade cambia. E notamos o que nos falta e como o Goberno en Galicia (x3) non fai propostas para normalizarnos como pobo, antes ben tenas para negar a nosa determinación e controlarnos. Todo un monopolio cultural e un vixiar a nosa lingua, que á mínima de nós sermos, póñennos en mans da xudicatura tal como delincuentes ou estúpidos e no nome do que nin se sabe proclaman liberdade e afirman que impoñemos sermos galegas e galegos. Non han solucionar nada. O dunha cultura e lingua baixo doutra non pita. Iso, máis que frear, son dar pasos atrás que visibilizan como as culturas e linguas para eles son problemas insoportables. E niso, bailándolles a auga, hai mentes contaminadas (e facéndose vítimas) que os lexitiman. Ei como gozan coa provocada asimilación! Son estas as políticas axeitadas? Quérennos ananos detrás de ananos que corren detrás de xigantes? Hai cousas que nos asustan.

Collendo de alí para logo, non podemos desentendernos de nós. Rendernos é ter e non ser. Un erro que nos volvería máis febles, manipulables e vulnerables. Por certo… Todo o que recibimos en español, garántennolo en galego?

Comentarios